
O Concello da Coruña puxo en marcha o novo portal para tramitar os permisos de acceso ás zonas reservadas para tráfico de vehículos autorizados (incluídos os residentes, os comerciantes con local na zona e as persoas que conten con prazas de garaxe na zona) na Mariña, O Parrote e Pescaría (ZBE Centro) e tamén na Cidade Vella onde empezarán a operar as cámaras de control.
Así llelo explicou onte a alcaldesa, Inés Rey, aos veciños e veciñas da Cidade Vella reunidos nas instalacións de Casa Veeduría. Detalloulles que a aplicación permitirá que as cámaras que controlan os accesos non sancionen aos vehículos autorizados.
Engadiu que durante un tempo, as ditas cámaras funcionarán só con funcións informativas e disuasorias e para control da área de Mobilidade e polo momento non sancionarán, mentres os usuarios non se adapten ao novo sistema. As cámaras estarán operativas desde o vindeiro luns.
A restrición dos accesos na zona era unha vella demanda dos residentes para preservar o espazo. “O paso xa estaba restrinxido, mais búscase agora garantir o cumprimento das normas”, explicou Rey, que recordou que ademais “mantense a zona de estacionamento para residentes no Oceanográfico”.
A tramitación destas autorizacións pode cumprimentarse na páxina web de ZBE Coruña. Nesta web poderán solicitarse os permisos para residentes, tanto permanentes como temporais e para comercios e institucións. Tamén pode empregarse a App Coruña, na que se incorpora un apartado para a tramitación das solicitudes de acceso a ZBE. As persoas usuarias poderán usar para o rexistro o certificado electrónico ou a cl@ve. Tamén poderán identificarse a través dun correo electrónico. Pero, neste último caso, o solicitante debe comparecer ademais nun rexistro municipal, biblioteca ou nas oficinas de Tarxeta Millennium para ser identificado previamente.
O Concello realizou previamente unha depuración das bases de datos de vehículos autorizados. Polo tanto, no momento de identificarse na aplicación, o sistema amosará as matrículas xa autorizadas e que non precisan de nova autorización. No caso de substitución de vehículo, o formulario de solicitude ten un campo para a matrícula que se debe dar de baixa.
A alcaldesa sinalou que “o portal web foi deseñado para ofrecer unha experiencia de uso o máis sinxela posible”. O primeiro paso para completar o trámite despois da identificación é indicar a zona para a que se solicita acceso e, a continuación, o tipo de permiso solicitado. Dependendo do tipo de solicitude, a aplicación indicará a documentación necesaria para a tramitación e, finalmente, aparecerá un formulario a encher con posibilidade de incluír dita documentación.
Esta plataforma foi implementada en resposta ao estipulado nestas zonas da cidade pola Ordenanza de Mobilidade Sostible, que restrinxe o tráfico na Zona de Baixas Emisións Centro.
A rexedora engadiu que o portal non só da servizo aos residentes, tamén calquera que persoa non rexistrada mais que acuda, por exemplo, a buscar a un familiar, poderá darse de alta temporalmente con sinxelos pasos para evitar sancións.
