
PlayStation cancelou o desenvolvemento de Fairgames, o shooter multixogador con compoñentes de servizo en directo que estaba a desenvolver Haven Studios, o estudio de Montreal adquirido por Sony en 2022. A decisión chega despois de varios anos de traballo e dunha serie de modificacións no proxecto, que mesmo preparaba unha nova presentación pública cun título diferente.
A cancelación non irá acompañada de despedimentos no estudio. O equipo pasará a colaborar con outros grupos de desenvolvemento de PlayStation Studios, ao tempo que explorará novas oportunidades creativas. Así o comunicou a división de videoxogos de Sony aos seus empregados, segundo adiantou Bloomberg.

Unha das razóns determinantes foi o resultado dunha proba recente na que participaron miles de xogadores. Aínda que o ensaio permitiu comprobar o bo funcionamento técnico do xogo, a resposta dos participantes e os datos de retención non alcanzaron os obxectivos previstos. «Aínda que a proba demostrou unha gran excelencia operativa, preparación para as operacións en directo e participación da comunidade, os comentarios dos xogadores e os resultados de retención foron dispares e quedaron por debaixo dos obxectivos que establecemos», explicaron os directivos Sean Decker e John Doyle nunha comunicación interna.
Os responsables tamén apuntaron ás dificultades que atravesa o mercado dos xogos de disparos competitivos entre xogadores (PvP) como outro dos factores que pesaron na decisión de poñer fin ao proxecto.
Fairgames presentouse en maio de 2023 durante un evento de PlayStation Showcase. O título estaba concibido como unha experiencia multixogador baseada en atracos e integrada na estratexia de xogos como servizo que Sony impulsou nos últimos anos. Este modelo busca prolongar a vida comercial dos videoxogos mediante actualizacións periódicas e compras dentro do propio xogo.
O proxecto nacera en Haven Studios, fundado en 2021 por Jade Raymond, antiga responsable de produción en Ubisoft e Electronic Arts. Sony adquiriu o estudio en 2022 e incorporouno á súa estrutura de desenvolvemento. Raymond abandonou a organización en maio de 2025, aínda que o equipo continuou traballando en Fairgames.
A cancelación súmase a unha serie de cambios nos plans de Sony para os xogos como servizo. A compañía chegara a anunciar a intención de lanzar máis dunha ducia de títulos deste tipo, pero varios proxectos acabaron cancelados, atrasados ou sometidos a importantes revisións. Entre eles figura o multixogador de The Last of Us, desenvolvido por Naughty Dog, que nunca chegou ao mercado.
PlayStation tamén afrontou o peche de estudios como Bluepoint e Dark Outlaw Games, mentres outros proxectos multixogador atravesan procesos de reformulación.
