
O videoxogo galego Shadows of the Afterland estrea edición física para PC en formato Big Box Classic, froito da colaboración entre Aruma Studios e Reboxy. Esta versión, que xa está dispoñible por 36,99 euros (aos que habería que engadir 12 euros de portes), recupera a presentación clásica dos xogos de ordenador en caixa grande e incorpora varios elementos de coleccionismo.
A edición inclúe un DVD-ROM prensado coas versións completas e libres de DRM para Windows e Linux, así como un código para activar o xogo en Steam. Tamén incorpora un manual de 24 páxinas en formato A5, elaborado especificamente para esta edición, un póster A3 a cor e unha caixa clásica para o disco, con ilustracións propias.

O conxunto preséntase nunha caixa ríxida de dúas pezas, laminada e cunha protección interior de escuma. Ademais, comercialízase precintado de fábrica para conservar a experiencia de abrir un xogo físico novo.
Desenvolvido por Aruma Studios, Shadows of the Afterland é unha aventura gráfica sobrenatural de tipo point-and-click ambientada en Madrid en 1960. A historia comeza coa morte misteriosa dunha persoa no zoolóxico da cidade, tras a cal a súa alma chega ao máis alá e esperta cos recordos de Carolina, unha axente de policía que aínda non naceu.
A investigación leva á protagonista a explorar o mundo dos espíritos, viaxar entre diferentes planos e mesmo posuír persoas vivas para resolver un misterio que atravesa o tempo. O xogo combina crebacabezas, diálogos humorísticos e unha estética pixel art inspirada na tradición clásica das aventuras gráficas. Aparte da edición para PC, tamén está dispoñible para Nintendo Switch.
