
O Concello de Oroso, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha na Aula CeMIT de Sigüeiro un obradoiro gratuíto do programa Expertclick, iniciativa de formación dixital destinada a persoas maiores de 55 anos que desexen gañar confianza no uso das novas tecnoloxías e aprender a aproveitar as súas posibilidades no día a día.
A formación está pensada para achegar a tecnoloxía ás persoas maiores dun xeito práctico, sinxelo e accesible, adaptándose ao ritmo de aprendizaxe das persoas participantes e desenvolvéndose en grupos reducidos para “facilitar unha atención máis personalizada”. Dende a organización do obradoiro sinalan que “non se trata só de aprender a manexar un teléfono móbil ou un ordenador, senón tamén de adquirir ferramentas que permitan comunicarse, acceder a servizos e realizar xestións cotiás con maior independencia e seguridade”.
Ao longo das catro horas de formación, distribuídas en dúas sesións, as persoas participantes poderán coñecer diferentes aplicacións e recursos dixitais de utilidade.
Un dos bloques estará centrado na comunicación e no lecer dixital, con contidos prácticos sobre como realizar videochamadas coa familia e amizades, utilizar aplicacións de mensaxería e descubrir novas posibilidades de entretemento a través de Internet.

O outro ámbito de aprendizaxe estará dedicado aos trámites e ás compras seguras na Rede. As persoas asistentes aprenderán, entre outras cuestións, a solicitar citas médicas por Internet, realizar xestións administrativas e efectuar compras en liña, prestando especial atención ás medidas de seguridade necesarias para evitar riscos, fraudes e estafas.
O obradoiro desenvolverase os venres 27 de novembro e 4 de decembro, en horario de 10:00 a 12:00 horas, cunha duración total de catro horas.
A actividade terá lugar na Aula CeMIT de Sigüeiro, situada na rúa do Deporte, número 9.
A participación é totalmente gratuíta, pero as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Rede CeMIT da Xunta de Galicia.
Con esta iniciativa, o Concello de Oroso continúa promovendo actividades formativas orientadas a facilitar o acceso da cidadanía ás novas tecnoloxías, especialmente entre aqueles colectivos que poden atopar maiores dificultades para desenvolverse no ámbito dixital.
O programa Expertclick, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios, busca contribuír a reducir a fenda dixital e favorecer que as persoas maiores poidan utilizar Internet e os dispositivos tecnolóxicos como ferramentas útiles para comunicarse, informarse e acceder aos servizos da sociedade actual.
