
O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume XI, impulsado polos Concellos do Son e Ribeira, continúa avanzando na súa formación dixital tras rematar, na Aula CeMIT de Ribeira, o módulo de Alfabetización Informática, impartido por Rebeca Crujeiras, técnica da Rede CeMIT impulsada pola axencia autonómica AMTEGA e os concellos galegos.
Esta formación, fundamental para adquirir e reforzar competencias dixitais, facilita o acceso autónomo ás ferramentas tecnolóxicas e mellora as posibilidades de desenvolvemento, tanto no eido laboral como na vida cotiá. Con estas xornadas de aprendizaxe, os alumnos e alumnas adquiren novas habilidades tecnolóxicas, que lles permitirán gañar autonomía, oportunidades e participación social.
A concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez, manifestou que “o módulo que concluíron recentemente posibilita que as persoas participantes gañen autonomía, accedan a maiores oportunidades para o crecemento persoal e profesional e se mergullen nunha contorna máis proclive á participación social. E a isto hai que engadir outras materias ás específicas de carpintería e forestal para que estean mellor preparadas para o mercado laboral. É un itinerario formativo moi completo”.

O programa Tahume XI, que combina tanto formación teórica como práctica, ten o obxectivo de mellorar a empregabilidade do alumnado, que recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.
Ademais da formación específica de carpintería e forestal, as persoas participantes reciben formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.
Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibe formación específica para a súa preparación e obtención.
Tahume XI botou a andar no pasado mes de xuño cun total de 20 persoas participantes e combina formación teórica e práctica. O obxectivo é a mellora da empregabilidade das persoas dos concellos de Ribeira e O Porto do Son, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble. Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.
O dito obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego
