
A Bolsa Nacho Mirás para proxectos xornalísticos, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, recaeu na súa décimo primeira edición en Xente de barrio. Este proxecto, presentado por Paula González Díaz, nace como “unha iniciativa de xornalismo local adaptado ao consumo dixital” e co obxectivo de “dar a coñecer os distintos barrios da cidade da Coruña á cidadanía, especialmente á xente nova”.
O xurado composto por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xoán Soler e Fernando Varela resolveu a pasada semana conceder a XI Bolsa Nacho Mirás para xornalistas ao proxecto Xente de barrio, presentado por Paula González Díaz.
A bolsa, que este ano abriuse a toda a profesión, sen límite de idade, está organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, e conta coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O xurado quixo facer constar a “alta calidade dos traballos presentados”.
Dende o Colexio de Xornalistas explican (máis polo miúdo) que Xente de barrio é “un proxecto que quere adaptar o xornalismo local ao consumo dixital, a través dunha serie de contidos audiovisuais curtos destinados a redes sociais co obxectivo de dar a coñecer os distintos barrios da Coruña dun xeito próximo, atractivo e adaptado a un público obxectivo de entre os 18 e os 35 anos”.
Cada mes publicará unha serie de vídeos breves centrados nun barrio concreto, nos que se aborden diferentes aspectos da súa identidade: dende a súa evolución urbana ata os espazos de encontro, iniciativas veciñais, negocios locais ou historias persoais que axuden “a construír unha visión máis completa e humana do barrio”.
O proxecto foi presentado por Paula González Díaz, graduada en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Con 14 anos, Paula creou o seu primeiro blog, La maleta de Pauli, que 10 anos despois segue en activo. Actualmente traballa en Voces de A Coruña, programa de radio referente na cidade da Coruña e tamén escribe para La Voz de Galicia e leva a cabo proxectos persoais como o podcast Nadie T Preguntó ou o seu blog.
