
A viguesa Visual Trans, compañía tecnolóxica galega especializada en software para transitarios, axentes de carga e operadores de loxística internacional, anunciou a súa participación no XXII Foro Aduaneiro que se celebrará na capital lusa. No evento, a compañía presentará a súa liña de solucións de intelixencia artificial axéntica: sistemas capaces de executar tarefas completas de forma autónoma, aos que a compañía denomina empregados virtuais ou traballadores dixitais.
A presentación enmárcase nunha das conferencias destacadas do encontro, que reúne do 12 ao 14 de novembro en Lisboa a máis de 350 profesionais do comercio exterior na primeira edición ibérica do foro.
Visual Trans explica que a diferenza da IA axéntica respecto á IA xenerativa -que dominou os dous últimos anos- é de natureza, non de potencia. Engade que un asistente conversacional funciona por quendas (alguén pregunta, o sistema responde) e que un empregado virtual recibe un obxectivo e unha configuración e, a partir de aí, encadea pola súa conta as accións necesarias para cumprilo. A compañía, que os implantou primeiro nos seus propios procesos, defende un modelo de adopción gradual coa persoa como punto de control: “Automatizamos tarefas de principio a fin pero mantendo a totalidade do capital humano”, comenta Santiago González, responsable de desenvolvemento de produto de vCustoms en Visual Trans.
Para Visual Trans, o valor das persoas que traballan no sector loxístico “é crucial, achegando precisión e responsabilidade sobre cada envío ou declaración”.

Con todo, sinalan que a intelixencia artificial axéntica é o seguinte episodio: “Un empregado virtual recibe un obxectivo e unha configuración e, a partir de aí, encadea pola súa conta as accións necesarias para cumprilo. Ata o de agora, a intelixencia artificial era algo que o profesional decidía consultar. Un empregado virtual non se consulta. Encárgaselle sempre co humano en tarefas de supervisión e validación. E iso cambia a conversación por completo, porque deixa de ser unha decisión individual para pasar a ser unha decisión de organización”, apunta González.
Na práctica, isto tradúcese en tarefas que aparecen resoltas sen que ninguén as iniciase esa mañá: unha conciliación bancaria cadrada, un expediente dado de alta a partir da documentación recibida por correo, unha consulta arancelaria resolta coa súa xustificación documentada.
González engade que este tipo de solucións xa están en marcha en varios clientes do sector loxístico -e fóra del- con “resultados realmente rechamantes”. Así, desde o mes de maio deste ano, os empregados virtuais implementados en clientes realizaron o equivalente a 3.500 horas de traballo administrativo. No mes de outubro, un importante grupo loxístico e aduaneiro realizou xa o 98% da súa conciliación bancaria cunha taxa de incidencia inferior ao 2%. En aduanas, desde finais de setembro arquivou no seu expediente 6.148 dos 6.162 documentos de despacho que lle chegaron. E cando os documentos non cadran, avisa a unha persoa.
“En canto á calidade do dato, en apenas dous meses os empregados virtuais detectaron ao redor de 33.000 erros en envíos que foron revisados e emendados por persoas, liberando máis de 200 horas de traballo”, informa.
