
O grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) da USC vén de abrir o debate arredor das desigualdades que se están a perpetrar nas redes impulsadas en boa medida por un mal uso da IA. Fíxoo a través dun estudo liderado polo grupo que desvela que arredor do 80% da comunidade universitaria da Universidade de Santiago ve desinformación de xénero no ámbito dixital (feminismo como ameaza, bulos sobre igualdade, culpabilización…) e o 56,5% viu contido sexual dixital non consentido ou xerado con IA, pero só o 14,4% sabería a onde acudir a denunciar.
Estes datos forman parte dunha investigación empírica realizada na USC, cunha mostra de máis de 1.000 persoas da comunidade universitaria, dos que o 64,6% son mulleres, o 33,3% homes e o 1,2% persoas non binarias. Elaborouse no marco do proxecto DESVELA-VX sobre desinformación, deepfakes sexuais e violencia de xénero dixital.
Os resultados do estudo foron presentados onte polas profesoras e investigadoras Lorena Casal-Otero e Carmen Fernández-Morante no transcurso do primeiro encontro científico do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC que se desenvolveu na sede do centro no Campus Sur.

Do traballo resultou que “case toda a comunidade (o 91% das persoas enquisadas) está exposta a contido falso, manipulado ou xerado con IA e que aínda que sabe que os deepfakes sexuais son graves e que son delito (82%) só a metade é capaz de detectar contido da IA e só o 14,4 sabería a onde acudir a denunciar”.
Ademais, tal e como explicaron as investigadoras, “estes contidos non nos afectan por igual”, de feito o estudantado que viu algunha vez contido sexual é o 71,3%, fronte ao 44,3 do PTXAS e o 37,7% do PDI; e o 9,2% das persoas LGBTI declaran ter sufrido violencia dixital fronte ao 4,5% que non pertence a ese colectivo.
As investigadoras salientaron “a actitude” fonte a estes contidos: das persoas que viviron ou presenciaron algo denunciable, a maioría non denunciou nin pediu axuda ben por falta de confianza no sistema (69,7%), ben por vergoña ou medo (42,4) ou ben porque non sabía a onde acudir (30,3).
En base a toda esta información, o grupo avoga pola formación, “cunha alfabetización crítica fronte á IA e á desinformación de xénero”. Tamén reclaman facer visibles os recursos da USC, como a Oficina de Igualdade, protocolos e a AEPD como canle prioritaria; recuperar a confianza con respostas áxiles e que non revictimicen; e chegar primeiro ao estudantado e ás persoas LGBTI.
