
Axilizar os procedementos, reducir os tempos de tramitación e mellorar a eficiencia dos diferentes servizos no funcionamento interno da Administración municipal de Vigo é o obxectivo dunha nova tecnoloxía baseada en intelixencia artificial.
Segundo explicaba o alcalde de Vigo, Abel Caballero, esta iniciativa permitirá desenvolver aplicacións internas capaces de automatizar tarefas administrativas rutineiras, facendo máis doado o traballo do persoal municipal. “Non é unha intelixencia artificial que vaia substituír o traballo das funcionarias e dos funcionarios, senón unha ferramenta para axilizar os procesos e reducir considerabelmente os tempos de tramitación”, sinalou o rexedor.
Entre as aplicacións previstas atópanse a tramitación de expedientes, a xeración de informes e borradores, a detección de erros e a creación dun asistente normativo que permita realizar consultas sobre cuestións administrativas e xurídicas. O sistema tamén incorporará ferramentas de interpretación de imaxes para o tratamento da documentación dixital, especialmente a do arquivo municipal, así como funcionalidades de tradución instantánea e conversión de texto en voz e de voz en texto, entre outras.
Para rematar, o alcalde salientou que a implantación será progresiva, comezando polas áreas municipais con maior volume de tarefas rutineiras e necesidades de axilización administrativa. Paseniño, a tecnoloxía estenderase a outros eidos de xestión co obxectivo de mellorar o funcionamento do conxunto da administración e a atención á cidadanía.
Caballero engadiu que a Xunta de Goberno licitará por 130.000 euros a adquisición do equipamento necesario para desenvolver estas aplicacións internas de IA.
