
Blackmagic Design anunciou o Blackmagic Ambisonic Microphone, un micrófono profesional deseñado para capturar audio espacial en producións de vídeo inmersivo. O dispositivo incorpora 108 micrófonos dixitais MEMS e un sistema de codificación espacial integrado que permite obter audio ambisónico de sétima orde en tempo real.
O novo micrófono reúne os 108 sensores nun corpo metálico compacto, con superficies facetadas, que facilita a súa instalación sobre unha cámara. O dispositivo captura o campo sonoro completo e procesa internamente os sinais dos sensores, sen necesidade de equipos externos de codificación, caixas de conexión adicionais ou programas especializados.

O Blackmagic Ambisonic Microphone emprega filtros de codificación avanzados licenciados por Apple para converter os sinais captados en audio ambisónico de sétimo orde. Para conectalo e alimentalo abonda cun único cable USB-C. A compatibilidade coa clase USB Audio evita ter que instalar controladores ou complementos adicionais.
O micrófono está especialmente orientado á gravación de contidos inmersivos coa cámara Blackmagic URSA Cine Immersive. Pode instalarse directamente sobre ela e rexistrar o audio espacial nos propios ficheiros inmersivos da cámara, perfectamente sincronizado coa imaxe. Esta integración permite producir contidos destinados a Apple Immersive.
Blackmagic Design tamén permite conectar o dispositivo a un ordenador para gravar e mesturar audio en tempo real mediante Fairlight Live, así como utilizalo cun iPhone a través da aplicación Blackmagic Camera. Para producións avanzadas de televisión e radiodifusión, prevé ofrecer un conversor de USB a SMPTE 2110.
O Blackmagic Ambisonic Microphone chegará ao mercado en decembro a un prezo de 1.695 dólares, aínda que con accesorios como o soporte e a protección contra o vento o prezo ascende ata os 2.405 dólares.
