
O galego constitúe un dos principais activos para a construción e o posicionamento da Marca Galicia, segundo os datos da investigación O galego na publicidade. Percepcións e prácticas das axencias de publicidade en Galicia, realizada polo profesor da Facultade de Comunicación de Pontevedra, Xosé Baamonde, e publicada por Edicións Fervenza.
O estudo revela “un amplo consenso profesional sobre o valor da lingua galega como recurso de comunicación, identidade e diferenciación das marcas”.
En termos máis concretos, o 96,7 % das axencias considera que “o galego é un elemento esencial da Marca Galicia”, mentres que o 85,1 % cre que “é importante consolidar unha marca territorio que funcione como referencia para os produtos e servizos galegos”.
Para as axencias, o galego “achega autenticidade, singularidade e capacidade de diferenciación, reforza a vinculación das marcas co territorio e pode contribuír a proxectar unha identidade propia de Galicia nun mercado cada vez máis globalizado”.
A investigación confirma tamén a elevada lexitimidade profesional do galego no ámbito publicitario. O 98,3 % das axencias considera que “é unha lingua axeitada para a publicidade” e, ademais, o 95,8 % das axencias sostén que “o uso do galego mellora a conexión emocional co público, asociándoo á proximidade, á identificación e ao sentimento de pertenza”.
O responsable da investigación sinalan que “esta percepción tradúcese nunha clara aposta por unha maior presenza do galego na comunicación das marcas”. O 89,3 % das axencias considera que as marcas galegas deberían utilizar máis o galego, mentres que, ante unha empresa que queira introducirse no mercado galego, o 62,8 % recomendaría realizar a campaña en galego e o 35,5 % optaría por unha estratexia bilingüe. Só o 1,7 % recomendaría utilizar exclusivamente o castelán.
Redes sociais
Na investigación destácase que “as redes sociais aparecen como un espazo especialmente favorable para a presenza da nosa lingua”. En termos máis concretos, o 79,4 % das axencias afirma empregar o galego con frecuencia nas súas redes sociais corporativas, e as redes son o medio no que máis se emprega o idioma nas campañas, cun 63,7 %; o que apunta cara a unha maior integración do idioma propio nos formatos comunicativos dixitais e interactivos.
A investigación corrobora que o galego “constitúe un activo comunicativo e estratéxico para as marcas galegas, tanto pola súa capacidade para expresar identidade e xerar proximidade cos consumidores como polo seu potencial para diferenciar produtos e servizos nun mercado cada vez máis globalizado”.
Os resultados amosan “un elevado recoñecemento profesional da súa idoneidade como lingua publicitaria e do seu valor emocional e simbólico, así como unha ampla consideración do seu papel na construción da Marca Galicia”, explica Xosé Baamonde no seu estudo, engadindo que “a lingua transcende a súa dimensión cultural para converterse nun recurso de valorización económica e proxección exterior do tecido produtivo galego”.
