
Tribo Solutions, empresa que desenvolve a súa actividade no espazo de coworking da Deputación da Coruña no Pazo de Arenaza, en Oleiros, recibiu onte o Premio Iniciativa Emprendedora 2026 de AJE Coruña. A firma foi recoñecida polo desenvolvemento de Nadus, unha plataforma que facilita a xestión pedagóxica e administrativa dos cursos de natación.
A entrega do galardón celebrouse esta mañá no Club Cámara Noroeste, durante a gala da XXVII edición do Premio Emprende AJE Coruña, á que concorreron catorce candidaturas finalistas. Ademais da alcaldesa Inés Rey e da presidenta de AJE Coruña, Eva Rosende, participou a responsable de Emprego, Industria e Medio Ambiente na Deputación da Coruña, Rosa Ana García López, xunto con representantes do tecido empresarial galego.

Nadus complementa os programas de xestión que xa utilizan as piscinas e os centros deportivos. A plataforma permite organizar os grupos, programar as sesións e asignar o persoal encargado de impartilas. A través da mesma ferramenta, os monitores e monitoras poden avaliar os avances de cada alumno ou alumna en función dos obxectivos de aprendizaxe, emitir diplomas dixitais e comunicarse directamente coas familias.
Tribo Solutions está formada por tres enxeñeiros e desenvolve software a medida, sistemas de sensores e ferramentas de automatización con intelixencia artificial para piscinas, ximnasios, centros de acondicionamento físico e clínicas. O premio de AJE Coruña súmase a outros recoñecementos recentes da empresa, entre eles o Premio BF Sport á innovación e o selo INCIBE Emprende.
Durante a gala, Rosa Ana García López destacou o papel da Rede Provincial de Coworking para achegar recursos ás persoas que queren poñer en marcha un negocio, vivan onde vivan. A deputada salientou “o valor de espazos como o Pazo de Arenaza, onde equipos como o de Tribo Solutions poden desenvolver os seus proxectos e facer medrar a súa actividade”.
A rede impulsada pola Deputación conta con 12 espazos de traballo colaborativo. Inclúe tanto oficinas compartidas como centros de transformación agroalimentaria, de xeito que as persoas emprendedoras poidan acceder a instalacións adaptadas ás necesidades de distintos sectores.
Na mesma gala, AJE Coruña e AJE Galicia distinguiron tamén a Danza10 co Premio Iniciativa Empresarial 2026. Pandejuevo recibiu o accésit Nordés Club Empresarial á Innovación, Yakart Autocaravanas o accésit á Creación de Emprego e Atlántica Inclusión o accésit á Responsabilidade Social Corporativa Vegalsa-Eroski. O empresario tecnolóxico Daniel Ramos Lobón foi homenaxeado como Padriño de Honra 2026.
