
Segundo unha información publicada por Mark Gurman en Bloomberg, as futuras lentes con IA de Apple aproveitarán as novas capacidades de Siri e a súa conexión con aplicacións externas para ofrecer funcións que vaian máis alá das habituais nos dispositivos deste tipo. A intención é que o asistente poida executar tarefas e acceder a servizos de terceiros mediante integracións específicas, convertendo as lentes nunha extensión dos servizos dispoñibles no iPhone.
Esta publicación por parte de Gurman chega nun momento no que Google e Samsung están a iniciar a comercialización a súa proposta de lentes con IA cuns 30 modelos que chegan en decembro ao mercado estadounidense, e que incluso funcionaría cos móbiles de Apple a partir do iPhone 13.

O deseño previsto para as lentes de Apple lembraría o das Ray-Ban Meta Wayfarer, cunha aparencia próxima á das lentes convencionais. Apple pretende así competir nun segmento no que Meta xa conseguiu unha posición destacada, grazas á combinación de cámaras, micrófonos, altofalantes e funcións de intelixencia artificial.
O éxito do dispositivo dependerá en boa medida da capacidade real de Siri para responder ás peticións dos usuarios e da disposición dos desenvolvedores a integrar as súas aplicacións co asistente. A integración de servizos externos permitiría ofrecer experiencias máis variadas sen depender exclusivamente das funcións desenvolvidas por Apple.
Futuro iPhone Duo con Face ID

A compañía de Cupertino tamén traballa na evolución do iPhone Duo, o seu primeiro teléfono encartable, cuxa segunda xeración podería incorporar Face ID. O dispositivo, identificado internamente co nome en clave V78, ten previsto o seu lanzamento para o outono de 2027, aínda que a incorporación do recoñecemento facial continúa pendente de decisión.
Apple xa desenvolveu prototipos do iPhone Duo 2 con Face ID e os enxeñeiros están a estudar como integrar o sistema de recoñecemento facial na pantalla exterior. O calendario de desenvolvemento, porén, limita o tempo dispoñible para completar esta tarefa, polo que aínda non está garantido que a función chegue á versión comercial.
O regreso de Face ID sería unha das principais prioridades para esta segunda xeración, xunto coa incorporación dun botón de acción. Entre as posibilidades que se barallan figura combinar este botón co control da cámara, unha solución que permitiría aproveitar mellor o reducido espazo físico do dispositivo.
As seguintes xeracións tamén poderían incorporar unha cámara con teleobxectivo e reducir o grosor e o peso do teléfono. Porén, as decisións de hardware do Duo 2 están condicionadas polos prazos de fabricación, polo que as opinións dos primeiros compradores do modelo orixinal dificilmente poderán influír no seu deseño. As modificacións derivadas desa experiencia quedarían reservadas, previsiblemente, para o iPhone Duo 3.
