
O desenvolvedor Alberto Alonso Ruibal vén de publicar The Galician Job, unha aventura narrativa de inspiración noir que recupera a estética dos ordenadores de 8 bits e leva o xogador á costa galega para mergullalo nunha historia de contrabando, decisións difíciles e noites de verán.
Dispoñible en itch.io, o videoxogo está desenvolvido para ZX Spectrum 128K e Spectrum Next e presenta unha historia interactiva na que as decisións do xogador determinan o desenvolvemento da partida e os seus diferentes desenlaces. A obra conta con 53 escenas e varios finais, ademais de estar traducida ao castelán e ao inglés, partindo do galego como lingua orixinal.

A historia parte dunha oferta aparentemente sinxela: aproveitar a celebración das festas dunha vila costeira para subtraer varios fardos dunha embarcación mercante e trasladalos ata unha praia da zona occidental da ría. O negocio promete uns ingresos superiores aos dun ano de traballo no mar, pero a operación obriga a moverse entre bateas, patrulleiras da Garda Civil e vehículos sospeitosos, nunha trama na que cada decisión pode ter consecuencias.
A inspiración procede de experiencias da infancia do propio Ruibal. Durante as vacacións familiares nunha localidade galega, o desenvolvedor observaba pola noite embarcacións sospeitosas que atravesaban a ría e mesmo operacións de descarga de mercadorías nas proximidades do cámping onde estaba aloxado. Aínda que as primeiras versións incluían referencias xeográficas concretas, decidiu eliminalas porque este tipo de situacións tamén se producían noutras localidades galegas.

A nivel técnico, The Galician Job aproveita Nirvana+, unha biblioteca desenvolvida por Einar Saukas que permite superar parcialmente unha das limitacións gráficas máis coñecidas do ZX Spectrum. O ordenador orixinal restrinxía a combinación de cores a dúas por cada cela de 8×8 píxeles, mentres que Nirvana+ permite traballar con dúas cores en celas de 8×2 píxeles, o que facilita a creación de imaxes máis elaboradas.
O proxecto tamén serviu para desenvolver Retro Visual Novel, un motor e editor propio para crear aventuras narrativas deste tipo. O sistema permite escribir a historia e definir a lóxica do xogo mediante ficheiros Markdown, cun editor que funciona como aplicación web local ou a través de Electron. A súa creación contou coa asistencia de OpenCode e DeepSeek 4.1 Flash.

As imaxes tamén tiveron un papel importante no desenvolvemento. Ruibal experimentou coa xeración local mediante modelos de intelixencia artificial, especialmente Qwen Image 2.1, aínda que recoñece que precisou numerosos intentos para conseguir resultados coa calidade suficiente. Tamén incorporou ao editor un sistema de imaxes de referencia para manter a coherencia visual entre as diferentes escenas.
Podemos gozar desta curiosa aventura gráfica pixelada tanto nos ordenadores para os que se desenvolveu, empregando emuladores ou directamente a través dun navegador web, polo que calquera que gozase no seu día das aventuras gráficas nun Spectrum poderá recuperar esa experiencia, pero con mecánicas e gráficos máis modernos, que fan a experiencia máis pracenteira, sen estragar o toque nostálxico.
