
A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo (UVigo) celebrará o vindeiro venres 20 a xornada Ágora Conectividade intelixente para a industria do mañá, na que reunirá a expertos do ámbito universitario e empresarial para profundar en como a conectividade intelixente e as infraestruturas dixitais están a transformar os modelos produtivos e redefinindo o futuro do tecido industrial de Galicia.
Durante o encontro, analizarase o impacto de tecnoloxías como a 5G, a Internet das Cousas (IoT) ou o novo modelo tecnolóxico Edge Computing na formación de contornas industriais máis eficientes e con maior sostibilidade e marxe de flexibilidade, así como as oportunidades que abre a conectividade: desde a automatización avanzada ata a fábrica hiperconectada. Incluirá, ademais, demostracións tecnolóxicas que permitirán aos asistentes constatar a súa aplicación real no sector industrial.
A xornada enmárcase dentro do programa de actividades do 25 aniversario da Rede de Cátedras Telefónica, que tratan de acelerar a adopción de tecnoloxías disruptivas e o desenvolvemento do talento dixital, a través da colaboración entre universidade e empresa.
Terá lugar de 10.00 a 13.00 h, na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (Campus Universitario As Lagoas), que este ano conmemora tamén o seu 125 aniversario.
Programa e demostracións
A apertura institucional do encontro correrá a cargo da reitora da UVigo, Carmen García; do director da Escola de Enxeñería Industrial, José Fariña; e do director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel Alonso.
A continuación, desenvolverase a mesa redonda Conectividade Intelixente para a industria do mañá, que estará moderada polo director executivo (CEO) de Optare Solutions e presidente do Grupo Marsan, Luis Álvarez-Sestelo. Nela, participarán os catedráticos da Universidade de Vigo Carlos Prado, do departamento de Organización de Empresas; Felipe José Gil, do departamento de Enxeñería Telemática; o responsable de proxectos de Innovación en Procesos de Stellantis Vigo, Juan José Areal; e a responsable de IA do Territorio Norte de Telefónica, Alba Meijide.
O programa completarase coa conferencia sobre xemelgos dixitais, IA física e robotización do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), na que sete expertos da organización explicarán as principais liñas de actuación e de investigación do centro tecnolóxico sobre a materia. Así, o director da División de Fabricación e Transformación Dixital, Víctor Alonso, falará sobre innovación para a automoción do futuro e do proxecto Catalyst, iniciativa europea liderada polo CTAG para a integración de robótica avanzada; a responsable da área Smart Mobility presentará o piloto de condución autónoma con lanzadeira, cento por cento eléctrico, que opera xa en tempo real na UVigo; e Iria Galiñanes, responsable de manufacturación intelixente, centrará a súa intervención no papel do xemelgo dixital para a incorporación das intelixencias artificiais na industria; e o responsable de Innovación e Impacto na Fabricación sobre O impacto da robótica humanoide na industria.
A sesión concluirá con demostracións tecnolóxicas de condución autónoma e interacción cun robot humanoide, da man do director de Negocio e Operacións en Brain4Mobility, Diego Bernardez, e da responsable da área Humanoides e IA do CTAG, un das contornas industriais máis avanzadas de España, Andrés Paradela, respectivamente.
Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo
Telefónica constituíu a súa cátedra homónima na Universidade de Vigo hai xa 13 anos co obxectivo de “conectar o coñecemento académico coa realidade tecnolóxica do mercado, promovendo a aplicación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación”.
Dirixida polo catedrático José Cidrás, ao longo destes anos impulsou numerosas iniciativas, como obradoiros e conferencias para achegar as tecnoloxías emerxentes ao alumnado e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for Good.
