
O PSM Research Team do Grupo de Investigación Novos Medios da USC vén de publicar un novo artigo científico en Journalism Studies que analiza como os medios públicos de Bélxica intentan reconectar coas audiencias adolescentes a través de plataformas como TikTok e Instagram, tomando como referencia as estratexias das principais radiotelevisións públicas do país: RTBF e VRT.
A publicación, titulada One Country, Two Approaches: How Belgium’s PSM Engages Young People with News, está asinada por Juan Manuel Prieto-Arosa, e José Miguel Túñez-López, membros do PSM Research Team, e por Jose Moriano pertencente á Universidade CEU San Pablo.
Os investigadores explican que “Bélxica resulta un caso especialmente interesante pola súa complexidade lingüística, cultural e social, xa que conta con tres comunidades lingüísticas (francófona, flamenca e xermanófona), cada unha co seu propio ecosistema mediático”. A investigación céntrase nas dúas principais, a francófona e a flamenca, para explorar como “dentro dun mesmo país e ante desafíos similares, os medios públicos desenvolven estratexias diferentes para achegar a información aos mozos”. Ambas están dirixidas principalmente a adolescentes de entre 12 e 17 anos e empregan formatos dixitais e propios das redes sociais para achegarlles a actualidade informativa, sinalan, engadindo que a investigación baséase en 13 entrevistas con profesionais e responsables de ambas as organizacións.
Dous modelos diferentes pero complementarios
Os resultados identifican dous modelos diferentes pero complementarios. RTBF aposta por adaptar a información xornalística á linguaxe, aos códigos culturais e aos formatos das redes sociais, especialmente TikTok e Instagram, utilizando vídeos curtos, recursos visuais e explicacións accesibles. Pola súa banda, VRT desenvolve un modelo máis participativo e relacional, no que as preguntas, dúbidas e achegas da audiencia nova contribúen de maneira máis continuada á selección dos temas e á elaboración dos contidos.
Así, mentres RTBF adapta as noticias ás linguaxes e formatos das redes sociais, VRT aposta por unha relación máis participativa, incorporando as preguntas e inquietudes dos adolescentes ás súas decisións editoriais.
O artigo analiza como os medios públicos necesitan plataformas comerciais para chegar ás novas xeracións, aínda que a dependencia dos seus algoritmos pode comprometer a autonomía editorial, a inclusión e os valores propios do servizo público.
O estudo advirte de que “alcanzar grandes audiencias non equivale necesariamente a xerar valor público”. E engade: “É necesario medir tamén a comprensión das noticias, a confianza, a alfabetización mediática e a participación cívica; en definitiva, unha das ideas centrais é que non abonda con que os medios públicos estean onde están os mozos: deben conseguir que esa presenza contribúa realmente á súa misión informativa, educativa e democrática”.
A investigación conclúe que “ambos os proxectos conseguen facer que a información de interese público resulte máis próxima, comprensible e relevante para a mocidade”. Porén, salienta “os riscos derivados da dependencia das plataformas comerciais, cuxos algoritmos poden condicionar a visibilidade dos contidos, a distribución das noticias e mesmo as dinámicas de produción informativa”.
Os autores engaden que “o futuro do xornalismo público dirixido á mocidade non depende unicamente de estar presente nas plataformas dixitais, senón de desenvolver modelos sostibles, con recursos estables, diversidade de voces e autonomía editorial”.
O reto, apuntan, “consiste en aproveitar as posibilidades das redes sociais para chegar ás novas xeracións sen comprometer os principios de universalidade, independencia, pluralismo e responsabilidade que definen o servizo público de comunicación”.
