
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre as políticas activas de emprego na era da intelixencia artificial, celebrada no marco do IX Congreso Emprego 2026 do País Vasco, en Baracaldo (Biscaia).
Durante o encontro, Lado deu a coñecer a experiencia do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) coa ferramenta de intelixencia artificial EMi, que xa conta cunha aplicación móbil para facilitar o autoperfilado competencial e mellorar as oportunidades laborais dos usuarios.
A aplicación permite consultar información sobre o mercado laboral dun concello, comarca ou provincia, acceder ás ofertas de emprego e aos cursos dispoñibles e xerar currículos mediante intelixencia artificial.
Lado tamén presentou outros recursos desenvolvidos con esta tecnoloxía, como un simulador de entrevistas de traballo que se atopa actualmente en fase piloto. A ferramenta permite practicar entrevistas nunha contorna segura e semellante á dun proceso de selección real.
O sistema utiliza un avatar que formula as preguntas e axuda a adestrar competencias como a comunicación, a argumentación da experiencia profesional e a presentación do perfil laboral. Ao rematar cada simulación, xera un informe coas fortalezas detectadas e os aspectos que cómpre mellorar. Estes resultados poden traballarse posteriormente co orientador laboral do SPEG.
