
A Fundación Carlos Casares abre a 2.ª edición do concurso Memes polo galego, dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato de toda Galicia, con ata 300 euros en vales para libros. A convocatoria acompáñase da presentación dun libro dixital cos 60 memes da primeira edición, que se pode descargar xa de balde.
A iniciativa está encadrada no proxecto Dende o galego, con humor, que busca dinamizar o galego entre a mocidade e a xuventude a través do humor e usando a linguaxe e as ferramentas que usan na súa comunicación diaria.
O prazo de participación estará aberto dende este 18 de novembro ata o 15 de decembro de 2026. Haberá tres premios en vales para mercar libros e material escolar en librerías locais: premios de 150, 100 e 50 euros, máis diplomas.
O proxecto é posible grazas ao patrocinio da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e da Deputación da Coruña.
A proposta é sinxela: que o alumnado de Secundaria e Bacharelato dea forma a un meme orixinal, en galego e con humor, sobre o que lle pasa coa lingua na clase, na casa, coas amizades, co profesorado, coa historia de Galicia, coa actualidade ou nas redes.
O lema desta edición, Falar galego ten aura toma emprestada unha expresión da xerga xuvenil para lembrar que usar a lingua propia tamén dá prestixio. O concurso busca dinamizar o uso do galego entre a mocidade a través do humor e de ferramentas que forman parte da súa comunicación diaria, na liña do humor retranqueiro que caracterizou a obra de Carlos Casares.
Como participar

Pode participar o alumnado matriculado en ESO ou Bacharelato nun centro de Galicia durante o curso 2026-2027, cun único meme por persoa. As obras envíanse por correo electrónico a info@fundacioncarloscasares.org co asunto “Concurso Escolar de Memes”, xunto co título do meme, o nome da persoa participante, o seu centro e un contacto do pai, nai ou titor/a.
Como a maioría das persoas participantes son menores de idade, as bases piden só os datos imprescindibles e unha autorización asinada pola familia. Esa autorización pódese cubrir na propia web do concurso.
O xurado valorará a creatividade e a orixinalidade, o uso do humor e a mensaxe transmitida, e dará a coñecer o fallo ao máis tardar o 21 de decembro. Os premios son vales para mercar libros e material escolar nunha librería da localidade da persoa gañadora (co fin de potenciar a economía de pequenas e medianas empresas culturais): 150 euros o primeiro, 100 o segundo e 50 o terceiro, máis diplomas que constatan a calidade da súa obra. Ademais, os mellores memes formarán parte do libro dixital da edición 2026.
O libro da primeira edición, para descargar de balde
Coincidindo coa nova convocatoria, a Fundación presenta o libro dixital Memes polo galego. 1.ª edición, que se pode descargar en PDF e que recolle os 60 memes enviados polo alumnado de toda Galicia no curso 2025-2026. Inclúe as obras gañadoras, as mencións especiais, o resto dos traballos e unha presentación sobre a orixe do concurso e a súa relación co humor de Carlos Casares.
O libro está pensado para ler na pantalla, proxectar na aula ou compartir no grupo da clase, e distribúese entre o alumnado participante, os centros de ensino e as entidades que traballan pola lingua.
Na primeira edición, o xurado concedeu o primeiro premio a Uxía Rodríguez Vidal por Cantiga de amor; dous segundos premios, a Bruno Vázquez Pérez por Cadeira e a Valeria González Alonso por Pregunta na clase de galego; e o terceiro a Iker Alonso Cid por En Galicia sempre. Recibiron mención especial Claudia Piñeiro Castillo, Dorian Rafael González Guzmán, Martina Álvarez Camba e León Fabeiro Cabaleiro.
O proxecto Dende o galego, con humor
Dende o galego, con humor é o proxecto da Fundación Carlos Casares que leva o humor do escritor ás linguaxes da xente nova. Inclúe o concurso Memes polo galego, a game jam escolar Píxeles con retranca e outra game jam para desenvolvedores independentes, e mais a exposición itinerante Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares, que os centros de ensino poden solicitar de balde á fundación en calquera momento do ano.
O proxecto é posible grazas ao patrocinio da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e da Deputación da Coruña.
