
A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia proseguen o seu traballo conxunto achegando á cidadanía ferramentas para identificar e combater a desinformación, poñendo o foco nas redes sociais. Fano a través dun programa de 20 obradoiros de alfabetización mediática que se desenvolve ao longo do ano en 19 concellos da provincia e que xa reuniu a 200 persoas.
Desde a súa posta en marcha o pasado mes de xuño, a iniciativa chegou a Lugo, Barreiros, A Fonsagrada, Quiroga, Viveiro, Burela, Guitiriz, Castro de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Monforte de Lemos, Taboada, Friol, Sarria e Chantada.
Segundo explicaron as dúas entidades, a programación busca ofrecer recursos prácticos para aprender a identificar loias (bulos), contrastar informacións, fomentar o pensamento crítico e promover un consumo responsable da información no actual contexto dixital.

O programa continúa este sábado, 21 de novembro, en Trabada, onde a Casa da Cultura acollerá un novo obradoiro a partir das 12:00 horas. A sesión será impartida pola xornalista Carmen Quintela e contará con 35 prazas. A actividade está aberta ao público e é de acceso libre e gratuíto.
Quintela está especializada na cobertura e investigación con enfoque de xénero e traballa actualmente como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medio ambiente, memoria histórica e verificación. Ademais, colabora con medios como elDiario.es.
O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co Premio Nacional de Xornalismo de Guatemala e cun galardón da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ.
Para impartir este obradoiro, Carmen Quintela recibiu formación específica en alfabetización mediática e no tratamento das violencias machistas, esta última a cargo de Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Últimas citas en Castroverde e Cervantes
Tras a sesión de Trabada, o calendario continuará o sábado 28 de novembro en Castroverde, onde o Centro Sociocultural Paco Pestana acollerá o obradoiro ás 12:00 horas. A última das citas previstas terá lugar o sábado 12 de decembro, ás 11:00 horas, no Edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes.
Ambas as actividades serán tamén de acceso libre e gratuíto e ofrecerán un máximo de 35 prazas cada unha. Ademais destas tres citas, a programación contempla novos obradoiros en Lugo, Foz e Vilalba, cuxas datas están pendentes de concretar.
Protexerse fronte á proliferación de noticias falsas
Segundo explica o Colexio, “o contexto actual, marcado pola proliferación de noticias falsas, está a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, e tamén a propia memoria democrática da sociedade”. Desde a entidade profesional advirten de que “sen as ferramentas necesarias para defenderse, ninguén está libre de converterse en vítima ou mesmo en propagador da desinformación”.
