
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe en Bruxelas a Lei de educación dixital de Galicia como exemplo de boas prácticas neste ámbito. O texto establece a tecnoloxía como «unha ferramenta ao servizo da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades» no ensino.
A presentación tivo lugar nunha xornada organizada na Fundación Galicia-Europa, onde Rodríguez salientou o carácter pioneiro desta norma, aprobada o pasado 17 de novembro no Parlamento de Galicia, tanto a nivel estatal como europeo. A lei busca consolidar o modelo galego de ensino híbrido, que combina os recursos educativos tradicionais cos dixitais e incorpora novas ferramentas tecnolóxicas sempre cunha finalidade pedagóxica.
O texto pretende dar resposta aos retos da transformación dixital no ensino mediante unha regulación integral que establece os dereitos e deberes dos distintos integrantes da comunidade educativa, desde as administracións públicas e os centros ata o profesorado, o alumnado e as familias.
A normativa tamén determina os usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial no sistema educativo, unha cuestión que gaña relevancia coa incorporación progresiva destas ferramentas aos procesos de aprendizaxe e á actividade docente.
A Lei de educación dixital estrutúrase arredor de seis eixes: a adaptación do uso da tecnoloxía ás necesidades do alumnado e á mellora educativa; a seguridade e a protección nos espazos dixitais; a definición dos dereitos e deberes da comunidade educativa para garantir o benestar e a convivencia dixital; o reforzo do papel do profesorado e da organización dos centros; a participación das familias; e a regulación da intelixencia artificial.
A visita a Bruxelas enmárcase na representación que Galicia exerce durante este semestre das comunidades autónomas ante o Consello da Unión Europea. Neste marco, Román Rodríguez intervirá mañá no Consello de Ministros para defender a posición común das comunidades autónomas.
