
A operadora Orange España puxo en marcha, xunto a Skylo e Digitanimal, un proxecto piloto pioneiro que axudará a monitorar a gandería extensiva en zonas rurais onde a cobertura móbil terrestre é limitada ou inexistente. A iniciativa, que se desenvolverá na Serra do Xistral (Lugo), un dos principais territorios de gandería de montaña de Galicia e España, permitirá aos gandeiros localizar os seus animais mesmo cando estes se atopen en áreas remotas.
Farao grazas á combinación de redes móbiles e conectividade satelital. Esta capacidade “facilitará unha xestión máis eficiente das explotacións, un mellor seguimento da saúde do gando e unha resposta máis áxil ante posibles incidencias”, explicou a operadora, engadindo que facer posible esta conectividade sen interrupcións, Orange Empresas combina a súa rede móbil coa cobertura satelital grazas á infraestrutura NTN (Non-Terrestrial Networks) de Skylo, permitindo que a información recollida polos dispositivos no terreo chegue de forma fiable ás plataformas de xestión e estendendo a cobertura máis aló das limitacións das redes terrestres, “o que permite levar unha nova xeración de servizos conectados á contorna rural”.
Sobre esta infraestrutura apóianse os colares intelixentes de Digitanimal, capaces de recoller información sobre a localización GPS e a actividade dos animais que pastan en liberdade durante todo o ano. Os datos intégranse na plataforma de monitoraxe da compañía, utilizada actualmente por máis de 20.000 gandeiros, unha tecnoloxía que lles permite “dispoñer dunha visión continua das súas explotacións, mellorar o control do gando, actuar con maior rapidez ante posibles incidencias e optimizar os seus custos operativos”, explica Orange.
“Os gandeiros do norte de España perden o rastro do seu gando en canto os animais saen da área de cobertura móbil. En colaboración con Orange España e Digitanimal, estamos a emendar esa eiva con conectividade SIM estándar, sen necesidade de hardware específico nin de xestionar unha rede independente. Só ofrecemos visibilidade sobre a localización e o estado de saúde do rabaño, utilizando o que xa existe”, afirmou Nisha Malhan, directora de Desenvolvemento de Negocio para EMEA de Skylo.
Segundo Joaquín Colino, director de B2B en España, “a innovación adquire o seu verdadeiro valor cando axuda a transformar actividades esenciais para a nosa economía. Este proxecto reflicte a nosa visión dunha conectividade capaz de chegar a calquera territorio e de poñer a tecnoloxía ao servizo de sectores estratéxicos como a gandería. O noso compromiso é seguir impulsando solucións que melloren a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade de empresas e profesionais, con independencia de onde desenvolvan a súa actividade”.
