
Na mañá do pasado mércores, 19 de novembro, a xornalista Pilar Rodríguez Losada impartía dous obradoiros contra a desinformación no CPI do concello de San Sadurniño (comarca de Ferrol). Trátase duns obradoiros que están a levar ferramentas e coñecementos contra as novas falsas a unha decena de centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.
A nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en centros de ensino da Coruña chegaba onte ao alumnado de 3º da ESO de San Sadurniño. A formación ,impartida por Pilar Rodríguez Losada de 9:30 a 12:30, puxo a disposición do alumnado ferramentas para detectar mellor a desinformación e poder contribuír á loita contra as chamadas fake news ou novas falsas denunciándoas e combatendo o seu espallamento.
Pilar Rodríguez Losada é unha xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas en liña da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.
Engadir que esta nova etapa dos obradoiros na Coruña vén a complementar os realizados no ano 2025, que levaron o programa de alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao alumnado de: Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas. As e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga novas falsas e os recursos para contrastar información serán: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Carmen Quintela Babío, María Selina Otero Verdes, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.
