
O Concello da Coruña iniciou onte na Cidade das TIC o Curso de IA Verde e Ética para a Innovación Urbana, unha formación impulsada no marco do proxecto europeo Allocate para capacitar a profesionais no desenvolvemento e aplicación de solucións de intelixencia artificial máis eficientes, responsables e respectuosas co medio ambiente.
A formación deseñárona conxuntamente os socios do proxecto, un consorcio integrado polo Concello, a Universidade da Coruña (CITIC), Altia, o Clúster TIC Galicia e Khora Urban Thinkers. O programa estenderase ata o próximo 17 de decembro en formato híbrido, combinando sesións en liña síncronas os martes e xoves coas xornadas presenciais de apertura e peche.
A primeira sesión tivo lugar onte pola tarde na Cidade das TIC nun acto inaugurado polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
Durante a apertura, o concelleiro trasladou ás persoas participantes a folla de roteiro da Coruña ante o avance da intelixencia artificial e destacou “a importancia de potenciar o talento e as capacidades tecnolóxicas locais para impulsar solucións sostibles desde o propio territorio, optimizar os servizos públicos e abrir novas vías de crecemento para o sector tecnolóxico coruñés”.
E engadiu: “Esta formación responde á aposta por modernizar os servizos públicos e xerar oportunidades de futuro e desenvolvemento económico a través dunha tecnoloxía ética e responsable. O coñecemento que hoxe compartimos aquí é clave para alcanzar estes obxectivos comúns”.
O programa formativo estrutúrase en oito módulos que aproveitan a experiencia de primeiro nivel das entidades socias e colaboradoras do proxecto.
Tras a sesión inicial de onte impartida por Khora Urban Thinkers sobre deseño urbano, a Universidade da Coruña (a través do centro CITIC) liderará os bloques dedicados á introdución á IA sostible e ao desenvolvemento de algoritmos enerxeticamente eficientes.
Pola súa banda, Altia encargarase das ferramentas para medir o impacto ambiental, colaborando tamén coa UDC nun módulo sobre privacidade e seguridade, mentres que o Clúster TIC Galicia pechará o curso analizando casos prácticos. O programa conta coa colaboración especial da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) para impartir os bloques de gobernanza, ética e marcos regulamentarios coma o AI Act.
Este programa é unha acción clave da Comunidade Local de Computación (CLC) de Allocate, que se constituirá formalmente tras o curso para axudar a pemes, novas firmas innovadoras (startups) e investigadores a superar barreiras de infraestrutura e datos.
As entidades adheridas poderán acceder a una infraestrutura de computación e datos urbanos da Coruña para probas de concepto, ademais de optar a tres axudas de 60.000 euros cada unha para proxectos de mobilidade, atención cidadá e tratamento de residuos.
Allocate conta cun investimento de 5,5 millóns de euros para o desenvolvemento do proxecto. Desta cantidade, 4,4 millóns proceden do FEDER, no marco da terceira convocatoria da European Urban Initiative, mentres que os 1,1 millóns restantes corresponden á achega municipal.
