
A Casa da Cultura do Milladoiro (concello de Ames) acolle mañá ás 19:00 horas a gala de entrega de premios do VII Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por sétimo ano consecutivo e que ten como obxectivo estimular a creatividade da mocidade animando á creación audiovisual en galego.
Este ano presentáronse un total de 40 vídeos que foron creados por 78 mozos/as de 24 localidades distintas (Ames, Barro, Boiro, Bueu, Camariñas, Catoira, A Caniza, Cerceda, A Coruña, Dodro, A Fonsagrada, Lalín, Mos, Negreira, Ordes, Ourense, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Xermade).
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 16 vídeos creados por 53 participantes.
Na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) hai outros 24 vídeos admitidos, realizados por 25 persoas.
Seis premios de 300 euros

Os 40 vídeos presentados ao certame optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) son outorgados por un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais.
O xurado valorou o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta a orixinalidade, a creatividade, a calidade visual e sonora, e a calidade lingüística.
Os outros dous foron escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames @xuventudeames. Deste xeito, cada categoría recibe tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Nesta sétima edición o xurado estivo composto por Paula Pérez Cantelar, xornalista e creadora de contido en galego; David Ramos Arcos, creador de contido en galego; e Noelia Francisco Lens, experta en comunicación e produción audiovisual. En representación do Concello de Ames, participaron a técnica de Mocidade e secretaria do xurado, Pilar Villaverde Cutrín; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro; e maila bolseira do Servizo de Normalización Lingüística, Paula Varela Díaz.
Premio do público: vídeos con maior alcance ou máis virais
Nesta edición, a principal diferencia foi que para outorgar o premio do público mediuse o alcance de cada vídeo (é dicir, o número de persoas distintas, a través das súas contas de Instagram, que viron un vídeo polo menos unha vez). Así, os dous vídeos con maior alcance ou máis virais (contas únicas que o viron), de cada categoría, son os que levan o premio do público.
Todos os vídeos admitidos publicáronse ás 11.00 horas do día 4 de novembro no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. Os premios do público concédense aos vídeos que acadaron un maior alcance en dito perfil. O computo do alcance fíxose o 6 de novembro ás 11.00 horas e mediuse o alcance acumulado por cada un dos vídeos desde as 11.00 horas do 4 de novembro.
Os resultados globais dos 40 vídeos durante os dous días que estiveron publicados no Instagram de Xuventude Ames son os seguintes: visualizacións: 382.789; alcance acumulado (suma do alcance de cada vídeo: unha persoa que viu varios vídeos conta unha vez por cada un): 257.556; gústame: 12.992; veces compartidos: 3.710; veces gardados: 1.012; e comentarios: 977. Durante estes dous días incrementáronse en 736 os seguidores de @xuventudeames.
Dividido por categorías: na primeira categoría (de 13 a 17 anos) publicáronse 16 vídeos que tiveron 173.758 visualizacións e un alcance acumulado de 102.723. Na segunda categoría (de máis de 18 anos) houbo 24 vídeos que tiveron 209.031 visualizacións e un alcance acumulado de 154.833.
Gala de entrega de premios
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará este sábado, 21 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento estará presentado pola xornalista e creadora de contido en galego, Paula Cantelar, e polo creador de contido en galego, David Ramos. Ademais contarase coa actuación musical de Xmaseda65. A gala será emitida en directo a través do Instagram de Xuventude Ames.
A gala estará aberta ao público ata completar capacidade e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo de correo electrónico galetiktokers26@gmail.com.
