
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, defendeu ante o Consello da Unión Europea a importancia do pensamento crítico e da capacidade de acción humana na educación e na formación, nunha contorna dixital en constante transformación.
Durante a súa intervención en Bruxelas, presentou a posición común das comunidades autónomas españolas sobre os retos que a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías representan para o sistema educativo. Rodríguez apostou pola creación dun «marco regulatorio multinivel» que permita abordar o impacto da IA no ensino, tomando como referencia a Lei de educación dixital de Galicia, aprobada esta semana no Parlamento autonómico.
O conselleiro sinalou esta normativa como un exemplo de boas prácticas para impulsar políticas innovadoras que regulen a incorporación da tecnoloxía e da intelixencia artificial aos centros educativos.
A intervención produciuse no marco da representación que Galicia exerce durante este semestre en nome das comunidades autónomas ante as institucións europeas, a través da área de educación da Representación Permanente de España ante a UE (REPER). Esta responsabilidade inclúe coordinar as achegas das autonomías e contribuír á elaboración da posición común do Estado nos debates comunitarios.
Entre as cuestións que centran as discusións europeas figuran as oportunidades e os riscos da intelixencia artificial na formación, a protección da privacidade, os dereitos da cidadanía, a educación inclusiva e o abandono escolar. Son asuntos que tamén aborda a Lei de educación dixital galega.
A posición compartida polas comunidades autónomas aposta por entender os retos tecnolóxicos como oportunidades de crecemento baseadas no coñecemento. Para iso, defende un uso reflexivo das ferramentas dixitais que contribúa a formar unha cidadanía crítica, responsable e competente. Tamén reclama avances lexislativos, políticas públicas coordinadas e un maior intercambio de experiencias entre territorios, atendendo á diversidade europea.
Galicia exerce a representación ata xaneiro

A representación autonómica ante a Unión Europea organízase mediante quendas rotatorias e de maneira coordinada co Goberno central. Galicia asumiu esta responsabilidade en xullo, cando tomou o relevo de Castela-A Mancha, e transferiraa a Canarias en xaneiro de 2027.
Durante este período, correspóndelle canalizar e consensuar as posicións, achegas e alegacións das comunidades autónomas para incorporalas á postura común española. Galicia participa tamén no Consello de Ministros correspondente a este semestre, xunto coa representación estatal, para expoñer os acordos alcanzados.
As prioridades da presidencia irlandesa do Consello da Unión Europea para este período inclúen a defensa dos valores europeos, a mellora da competitividade comunitaria, a mobilidade do estudantado e o desenvolvemento de capacidades e competencias que contribúan a unha Europa máis resiliente, inclusiva e próspera.
