
A Escola Unitaria de Santiago de Compostela presenta The Last Way, un videoxogo arcade de estética pixel art que transforma o Camiño de Santiago nunha particular aventura de acción cargada de humor irreverente.

A historia parte dun veciño de Santiago que, farto do ruído e do tránsito de peregrinos, acaba perdendo a paciencia cando lle denegan a Compostela. A partir dese momento comeza unha vinganza na que os peregrinos se converten nos seus obxectivos. A pé, en bicicleta ou a cabalo, o protagonista deberá abrirse paso entre os camiñantes, os cánticos e o barullo propio das rutas xacobeas.

O xogo permite escoller entre seis personaxes: Santi o Picheleiro, Cora da Zona Nova, Octavio Polbo da Ría, Medio Polo, Lara e Gómez (gatos integrantes de Pilgrrrrim Haters) e Santa Compaña (a Procesión Perdida). Cada un conta con habilidades particulares, como maior potencia, axilidade, saltos elásticos ou ataques combinados.

A aventura ofrece dúas direccións para percorrer o Camiño de Santiago (desde Compostela ata Roncesvalles ou no sentido contrario) e incorpora mecánicas propias dos xogos de plataformas. Os controis permiten camiñar, saltar, agacharse e lanzar obxectos contra os peregrinos, con tres armas dispoñibles: eructos, peidos e cunchas.

The Last Way pode xogarse de balde directamente desde o navegador web, con controis adaptados tamén aos dispositivos móbiles. A experiencia inclúe música de inspiración retro, cunha versión chiptune de Quen teña viño, de Pulpiño Viascón, realizada cunha Game Boy.
