
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra o vindeiro luns, 23 de novembro, o ingreso do físico Javier Díaz Bruguera como académico correspondente da sección de Ciencias Técnicas da institución. O acto terá lugar no compostelán Pazo de San Roque, ás 18:30 horas, e estará aberto ao público. O experto pronunciará o seu discurso co título O procesador como motor da revolución da intelixencia artificial.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outras académicas e académicos; a directora de GAIN, Carmen Cotelo; a delegada da reitora para a Estratexia Dixital da Universidade de Santiago, María José Carreira; o director do CITIC -Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña-, Manuel González; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas. O encargado de realizar a laudatio será o académico Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, e director do CiTIUS -Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC-.
Javier Díaz Bruguera (Mataró – Barcelona, 1962) é doutor en Física pola Universidade de Santiago. Foi profesor nas universidades de Oviedo, A Coruña e a USC. Na UDC foi director do departamento de Electrónica e Sistemas. Na USC dirixiu o Instituto de Informática e o departamento de Electrónica e Computación, foi un dos impulsores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e con 35 anos converteuse en catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da universidade compostelá, o primeiro desa área en Galicia. Foi investigador visitante no Centro de Aplicacións de Microelectrónica de Siemens en Múnic, no departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de California e na Universidade Pierre e Marie de París. A súa actividade investigadora céntrase no deseño de procesadores e aritmética de computadores, sendo un dos investigadores máis recoñecidos a nivel mundial neste ámbito.
En 2015 abandona o eido universitario para iniciar unha nova etapa profesional en Arm, multinacional británica con sede en Cambridge e centros de traballo en varios países de Europa, Asia e EEUU; unha das compañías máis importantes no panorama tecnolóxico actual e peza clave na revolución da Internet das Cousas (IoT) e da intelixencia artificial.
Dende a RAGC salientan que “como integrante da firma, Díaz Bruguera deseña cerebros electrónicos (procesadores) que dan vida á tecnoloxía moderna” e que “o seu traballo céntrase en facer que os teléfonos móbiles, computadores e servidores de Internet sexan extremadamente rápidos, intelixentes e consuman moi pouca enerxía”.
20 patentes industriais e grandes fitos tecnolóxicos

Desde a empresa Arm, onde é coautor de 20 patentes industriais, ten impulsado fitos relevantes na industria tecnolóxica. Nesta liña, formou parte do equipo que deseñou practicamente todos os procesadores de gama alta do mercado actual de teléfonos móbiles. Tamén deseñou procesadores para superordenadores, que fan funcionar os centros de datos de Internet e a computación na nube.
Dende a RAGC destacan ademais que “no eido dos gráficos para móbiles, colaborou no desenvolvemento dos chips que permitiron, por primeira vez na historia, que os teléfonos móbiles tiveran gráficos coa mesma calidade que as consolas de vídeoxogos, logrando que os xogos se vexan ultrarrealistas sen que o teléfono se quente nin se esgote a batería”. En canto á aceleración da intelixencia artificial, participou na creación das pezas matemáticas internas que permiten aos dispositivos procesar IA de forma instantánea directamente no teléfono ou na nube.
É membro sénior do IEEE -Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos-, con sede en Nova York.
