
Robots que axudan nas aulas, que traballan xunto a operarios nas fábricas, que acompañan persoas maiores ou que apoian os servizos de emerxencia. A robótica protagoniza esta semana Robota: Cultura robótica, a xornada estatal da Semana Europea da Robótica (ERW2026) que organiza HispaRob por primeira vez en Galicia. Celébrase este xoves 26 e o venres 27 no CIFP Politécnico de Santiago, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de AllKnow Education, e ten propostas para o profesorado, para profesionais e para as familias.
A Semana Europea da Robótica, impulsada por euRobotics, é a principal campaña europea de divulgación neste ámbito, unha iniciativa que en España coordina HispaRob. Na edición deste ano, un dos momentos centrais da xornada estatal será a mañá do venres 27, dirixida a empresas e profesionais da robótica, centros tecnolóxicos, universidade e profesorado de bacharelato e FP.
Desde as 9.30 horas, unha mostra de robótica en vivo reunirá robots colaborativos e móbiles autónomos coma os que xa se usan na industria, pequenos humanoides que funcionan con intelixencia artificial, unha maqueta das aplicacións dos robots colaborativos na automoción, un robot social para centros educativos e os proxectos do propio alumnado do CIFP Politécnico: un brazo robótico que pinta, outro que repón material nun almacén e dous robots que coordinan entre si a loxística de mercadorías. Ás 10.30 horas darán a benvida a directora xeral de Formación Profesional da Xunta, María Eugenia Pérez Fernández; o presidente de euRobotics, Francesco Ferro; a presidenta de HispaRob, Jorgina Díaz e o Vicedirector do CIFP Politécnico, José Manuel Carbia Pichel.
A continuación, Inrobics, No Isolation España, PAL Robotics e a Fundación CARTIF compartirán experiencias de robótica social na educación, na rehabilitación e no coidado de persoas maiores, nunha mesa moderada polo catedrático da Universidad Carlos III de Madrid Miguel Ángel Salichs.

Despois dun espazo de café, Sonia López, da Policía Local de Narón; Juan José Canosa, técnico superior en emerxencias de Nordestech; Rubén Fraga, bombeiro do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Pontevedra, e o catedrático da Universidade de Vigo Higinio González falarán de como a robótica e as novas tecnoloxías poden mellorar a resposta ante situacións de emerxencia, nunha mesa moderada por Jorgina Díaz. A mañá pecharase coa presentación de Robota-SUDOE, un proxecto europeo no que participan a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense para que os robots poidan manipular produtos como a carne ou a froita.
A asistencia á mañá do venres é de balde. Os profesionais poden inscribirse a través da web de HispaRob, mentres que o profesorado de bacharelato e FP poden facer o propio a través da plataforma da Xunta de Galicia para a formación do profesorado FProfe.
Xa pola tarde do venres, de 17.00 a 19.00 horas, o CIFP Politécnico abrirá as súas portas ás familias e ao público en xeral cunha feira gratuíta de experimentación e robótica. Haberá robots con intelixencia artificial cos que conversar, retos de programación co robot Otto ou co Sphero Indi, circuítos creativos para pintar e acender, programación sen pantallas con pezas táctiles, unha aventura en Minecraft Education para protexer os ríos e robótica espacial con lentes de realidade virtual. Para asistir á feira, cómpre inscribirse tamén na web oficial do evento.

A véspera, o xoves 26, estará dedicada ao profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial. Tras a benvida, na que participarán o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación, Fátima García Dobal, a tecnóloga Cristina Aranda abrirá a xornada coa conferencia A intelixencia, sempre humana. Haberá mesas sobre robótica accesible, a cargo da ONCE e Ana Iglesias, Premio Nacional de Discapacidad Reina Letizia 2023, e sobre creatividade e IA, coa Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
Pola tarde, docentes do CEIP de Louro de Muros, o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o CPI de Atios de Valdoviño e o IES Miraflores de Oleiros contarán as súas experiencias nos Polos Creativos, e entregarase o Selo de Calidade en Robótica Educativa. Ao longo do día, o profesorado poderá participar nunha ducia de obradoiros prácticos e nunha mostra de robótica con dez empresas e entidades.

