
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia de seguir avanzando na loita contra a violencia de xénero para facer fronte ás novas formas de agresión, especialmente as que se producen nas contornas dixitais.
Durante o acto institucional celebrado hoxe na Coruña con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Rueda reclamou tolerancia cero ante calquera manifestación de violencia machista, tanto no espazo físico como no dixital.

Neste último ámbito, advertiu de que controlar o teléfono móbil da parella, acosar a través das redes sociais, crear perfís falsos ou difundir imaxes íntimas, sexan reais ou manipuladas, son algunhas das manifestacións da violencia dixital.
Rueda incidiu tamén na responsabilidade colectiva da sociedade galega para combater estas condutas e na necesidade de traballar en rede. Como sinalou durante o acto, a violencia de xénero «ten moitas caras, pero o obxectivo é o mesmo: controlar, someter e limitar a liberdade das mulleres».

