
A Policía Local de Ferrol puxo en marcha un novo servizo de comunicación a disposición das persoas xordas. Trátase dun número de WhatsApp co que se poderán comunicar directamente con este corpo de seguridade nun contexto no que a linguaxe oral non resulta efectiva.
Segundo explicou o Concello, “esta nova vía de comunicación xorde da necesidade de interactuar con cidadáns con discapacidade auditiva ante calquera emerxencia ou circunstancia na que precisen a intervención ou colaboración dos axentes”.
Whatsapp foi a canle elixida “ao ser o medio de comunicación escrito máis áxil e de uso maioritario, polo que a sala do 092 disporá deste recurso de forma permanente desde este momento”, engaden dende o Goberno local.
O número asociado a este servizo é o 698 197 241 e é de uso exclusivo para as persoas xordas.
A Policía Local traslada que esta solución permitirá ao corpo relacionarse coas máis de 1.500 persoas con este tipo de discapacidade que residen en Ferrol e na súa contorna. Así mesmo, en caso de ser necesario, contarán coa axuda dos intérpretes da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra.
A presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Teresa Gallo, destacou que este é un servizo “importantísimo”, é vital que “poidamos contactar, que nos podian atender e poder avisar nós. Necesitamos esa adaptación a través de WhatsApp e agradecemos a posta en marcha desta iniciativa”.

