
Coincidindo coa celebración deste 25 de novembro, Día para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a conselleira de Igualdade Ángeles Vázquez, anunciou que Galicia contará cun rexistro de condenados por violencia dixital. Así o fixo saber nunha entrevista na CRTVG na que engadiu que a Lei contra a violencia dixital restrinxirá aos condenados por estes delitos optar a un posto da administración en que traballen con nenos e maiores. A previsión é que a lei sexa aprobada “co máximo consenso”, sinalou, logo da súa entrada no Parlamento a semana que vén.
En virtude desta novidade, Galicia será pioneira na loita contra as agresións en liña e as súas moitas e variadas manifestacións, unha problemática que vai a máis impulsada polo anonimato que, polo menos ata o de agora, viñan atopando os agresores nos ámbitos dixitais. Segundo sinalou a conselleira, a lei busca poñer freo a este tipo de violencias e achegará entre outras novidades un servizo gratuíto para eliminar a pegada dixital. Engadiu que o 80 % das mulleres e nenas foron vítimas nalgunha ocasión deste tipo de prácticas que se sustentan a través das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial.

