
O novo formato baséase nas MMS, que permiten presentar ata 12 imaxes a xeito de diapositivas, o que resulta unha plataforma ideal para tiras de prensa e nestes días editoriais coma D.C. Thomson están a apostar por tal plataforma no Reino Unido, co que buscan reducir custos e atopar novas oportunidades de negocio.
Actualmente xa hai compañías coma Rok Comics que ofrecen servizos semellantes no Reino Unido, entre os que está a popular tira de Garfield, acadando unhas 10.000 peticións diarias na súa web, nun modelo de pago que cobra 1,50 libras esterlinas por tiras soltas ou subscricións de 100 tiras por 10 libras. Así, temos como os móbiles son unha plataforma máis interesante que a web para as editoriais, xa que lles facilita o cobro polos seus contidos.
O salto dos comics a formatos dixitais non é algo novo, e en España xa hai tempo que se venden incluso en formato DVD, pero a modernización de formatos non conta coa mesma aceptación que no Xapón, onde empresas coma Papyless conseguiron ingresos millonarios duplicando no presente ano os seus resultados con respecto do seu exercicio anterior.
No blog de Álvaro Pons podemos ler que varios centros comerciais en España están a estudar a posibilidade de crear comics para o móbil que se poderían descargar de balde mediante Bluetooth coma medida de fidelización de clientes.
Os comics achéganse ás pantallas dos móbiles
Compartir Este Artigo

