
Se ben El Mundo xa deu moito que falar a pasada semana (por mor da súa particular visión do himno galego), a pasada fin de semana foi Libertad Digital a publicación que deu máis que falar na Internet galega, por facer referencia a un artigo do doutor de Filoloxía Galega Henrique Rabuñal sobre o escritor Manuel Murguía no que se fala da súa teoría nacional que defende que “Galicia é unha nación natural e espontánea, herdeira da raza superior celta”, o que algúns entenderon como unha afirmación racista (obviando o contexto histórico no que se realizaban talas afirmacións), e se escandalizaron por aparecer no Xornal Educativo da Consellaría de Educación, considerando que tal elemento fai que a Xunta conceda as afirmacións reflectidas no texto, cando o espazo virtual simplemente recolle unha enorme cantidade de textos escritos en webs de centro de ensino e revistas educativas.
Tamén resulta curiosa a nova na actualidade, cando o texto leva na web do Xornal Educativo dende setembro de 2004, ou sexa, cando o PP aínda estaba no Goberno da Xunta de Galicia.
Dende Libertad Digital tamén ligan a publicación do texto na web da Consellaría de Educación coa materia de Educación para a Cidadanía, dando a entender que certos libros están recomendados polo Ministerio de Educación (coma un ensaio que critica a nova disciplina dende unha visión marxista, que nin está homologado nin recomendado polo Ministerio, segundo indica Ignacio Escolar no seu blog, dende o que denuncia estas prácticas desinformativas).
Libertad Digital critica a publicación de certos contidos no Xornal Educativo da Consellaría de Cultura e Deporte
Compartir Este Artigo

