Alasbarricadas.org perdeu o primeiro asalto nos tribunais perante a denuncia imposta polo cantante José Ramón Julio Martínez Márquez, máis coñecido como “Ramoncín”, por “intromisión no seu dereito á honra”. O xulgado de primeira instancia número 44 de Madrid vén de condenar ós administradores da devandita web ó facelos responsables de tódalas opinións vertidas por algúns internautas no espazo reservado ós comentarios, desestimando a petición da defensa de retirar os cargos ó eliminar os contidos problemáticos en canto se tivo o coñecemento da súa existencia.

Os acontecementos remóntanse a mediados do pasado ano, cando a dita web creou un foro chamado El rey del Pollo Frito Ramoncín no que se publicaban comentarios que feriron gravemente a sensibilidade do artista (que xa non está para estes trotes) así como unha fotografía manipulada que danou seriamente os sentimentos do que algún día foi considerado un rockeiro de éxito, e que a xuíza considerou como“unha grave humillación e ameaza contra o mesmo” (e non, non era a da súa primeira comuñón nin de cando lle caeu o primeiro dente, era peor).
Porén, o estraño deste asunto non é que Ramoncín puxera unha denuncia polas opinións vertidas en Alasbarricadas.org contra a súa persoa e que saíra gañando (tendo en conta a lei da liberdade de expresión que se supón nos protexe), senón que a devandita web fose condenada agora por comentarios verquidos por persoas alleas á web, algo que lle pode pasar a calquera outra páxina que permita que os internautas deixen opinións persoais acerca de calquera tema nela. A pregunta é: se Ramoncín tivese un blog ou unha web persoal e alguén deixase nos comentarios mensaxes de desprezo e de humillación cara a súa persoa… Ramoncín tería que indemnizarse a el mesmo por ser o autor da web?
Ramoncín gaña o primeiro xuízo contra Alasbarricadas.org
Compartir Este Artigo

