A festa informática con máis sona de toda a comarca do Salnés, a Galaecia.net, vén de pechar as súas portas cuns índices de afluencia de público e participantes moi satisfactorios para os organizadores, que por pouco teñen que pendurar o cartel de non quedan localidades. Segundo os membros da Asociación Sil, organizadora do evento, “das 100 prazas estimadas para a asistencia á LAN Party, cubríronse máis de 90 e o ciclo de charlas engadiu máis de 40 persoas a esta cifra”.
Tal e como era de agardar, a asistencia non se limitou a xente de Vilagarcía senón que, entre outras procedencias, o evento recibiu participantes de Caldas de Reis, Cambados e Ponteareas.
A pesares de non contar cunha conexión a Internet, os participantes non botaron en falta nin a diversión nin o lecer, posto que chegaron da man dos videoxogos e sobre todo dos concursos que se organizaron para a ocasión.
Na zona das videoconsolas, onde había dende consolas antigas ata de última xeración, (Wii e Xbox 360) puideron gozar tanto nenos como maiores, que se achegaron ó lugar para “cacharrear” con estes aparellos.
Pero ademais do entretemento, as charlas e obradoiros coas que se contaba nesta edición do Galaecia.net, non defraudaron ó persoal, e segundo a Asociación Sil, “deuse unha asistencia media de 15 persoas por charla”, que ademais “saíron moi satisfeitas delas”.
Agora, coa resaca da festa aínda no corpo, os organizadores xa pensan nunha nova edición e, dende xa, preparan a vindeira Party informática con máis ilusión e esforzo que nunca. Sorte e ata o ano que vén.
A Galaecia.net pechou as súas portas con preto do 100 por cento de participación
Compartir Este Artigo

