Segundo a XV Oleada do Panel de Fogares do Observatorio das Telecomunicacións e a Sociedade da Información de Red.es, o “medre dos fogares conectados a Internet non cesa”. Este estudo, publicado recentemente, lanza tamén os seguinte datos: o 40% dos fogares españois, é dicir, 6,4 millóns, dispón dunha conexión a Internet e máis de 21 millóns de cidadáns de máis de 10 anos accedeu algunha vez á Rede.
O 68 por cento da poboación española declárase “internauta intensivo” e Internet consolídase como o servizo (de tódolos empregados no fogar) con mellor relación prezo-utilidade. Neste senso, o 57 por cento dos usuarios considera que “recibe moito ou polo menos abondo de Internet”.
O número de fogares conectados a Internet (6,4 millóns) incrementouse un 6,1 por cento dende o pasado ano, o que, segundo asegura o informe, “achega un incremento importante no gasto dos fogares en tecnoloxía da información e as comunicacións”, que, este ano, acada un total de 3.011 millóns de euros; 200 millóns máis respecto ó ano 2006.
O desembolso que fan os españois en conexións a Internet mantén este ano a tendencia á alza e ascende a un total de 421 millóns de euros. Pola súa parte, o gasto en telefonía móbil aumentou ata situarse en 1.253 millóns e o gasto en TV de pago experimentou asemade un medre considerable ata situarse nos 315 millóns de euros.
Este estudo sinala ademais que os españois seguen a amosar unha actitude cada vez máis positiva cara ás TIC, sobre todo no referente á súa utilidade para obter información e realizar xestións coa Administración Pública.
Por último, o panel de fogares salienta que nove de cada dez españois, unha vez que descobren a Rede, consideran que o seu emprego é sinxelo ou moi sinxelo e o 84 por cento dos usuarios están satisfeitos co que a Rede lles ofrece e consideran cubertas as súas expectativas.
O número de fogares españois con conexión a Internet ascende este ano ó 40%
Compartir Este Artigo

