Segundo datos do Observatorio das Telecomunicacións e da Sociedade da Información de Red.es, recadados a partires do Estudo sobre Comercio Electrónico B2C, máis de un de cada catro internautas españois mercou algo a través da Internet ó longo do pasado 2006. Sinalar que un de cada catro veñen sendo máis de 5 millóns de internautas (en concreto 5.064.510), cidadáns que gastaron máis de 2.778 millóns de euros a través do comercio electrónico en 2006, superando en mais de 600 millóns as cifras de 2005.
Esta cantidade tradúcese nun incremento de preto do 30 por cento, dato moi superior ó 16,7 por cento rexistrado o ano anterior.
Os produtos máis demandados, segundo afirma o Observatorio de Red.es, son os billetes de transporte (36,5 por cento), as entradas para espectáculos (16,9 por cento), os libros (13,9 por cento), as reservas de aloxamento (12,4 por cento) e a roupa e os complementos (10,1 por cento).
O estudo indica que os principais motivos que levan ó consumidor a iniciarse na compra por Internet son, por orde de importancia, a comodidade, o prezo, o feito de que Internet sexa o único medio para adquirir certos produtos e servizos, a rapidez do subministro e a ampla oferta existente.
Do estudo tamén se extrae a importancia que vén adquirindo dende 2006 o feito de que as empresas ofrezan información clara, completa e precisa sobre o ben que desexan mercar os internautas (78,5 por cento).
Para incrementar as compras a través da Rede, os internautas reclaman máis seguridade nos pagos, máis variedade de produtos e ofertas e prezos máis baixos que nas tendas físicas.
Máis de cinco millóns de usuarios fan as súas compras a través de Internet
Compartir Este Artigo

