O vindeiro 23 de outubro terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) unha xornada de difusión de información na que as empresas galegas poderán coñecer as oportunidades que lles ofrece a Unión Europea para financiar iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) na nosa comunidade.
Asemade, na devandita xornada, que organiza a Tecnópole en colaboración coa Rede PymERA (Rede para a promoción da participación das Pemes españolas no VII Programa Marco) maila Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDI) da Xunta, desvelaranse as claves do VII Programa Marco de I+D+i da UE, as oportunidades que as empresas galegas teñen nos seus instrumentos de financiamento e dous casos de éxito ligados á experiencia das empresas galegas BioQuorum e SoftWCare.
Coincidindo coa celebración desta sesión de difusión, visitará o recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia o autobús temático que o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) fretou para percorrer varias localidades de toda España ao longo de varios meses no marco da súa Ruta da Innovación.
A Tecnópole descóbrelles ás empresas galegas as oportunidades da investigación europea a través de casos de éxito
Compartir Este Artigo

