A Comisión de Industria do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade a Lei de medidas de Impulso á Sociedade da Información (LISI) cunha serie de novas emendas que pretenden corrixir detalles aparecidos en borradores que deron moito que falar na Rede, de xeito que no novo texto se garante que só os tribunais teñen competencia para intervir en asuntos que afecten á liberdade de expresión na Internet. Amais, a Lei propón que o Goberno e as Comunidades Autónomas deban conseguir que antes de 31 de decembro de 2008 haxa cobertura do servizo universal de banda larga en todo o Estado.
Hai que destacar que na actualidade a taxa de penetración da banda larga en España está por debaixo da media comunitaria, e que as tarifas continúan a ser das máis caras segundo a OCDE e a CMT.
A emenda máis importante das engadidas a LISI e a que fai referencia ás autoridades competentes na salvagarda dos dereitos fundamentais (que serán os tribunais), de xeito que se establecen 4 supostos nos que se poderá intervir na Internet, que serán:
-salvagarda do orde público, a investigación penal ou a defensa nacional
-a protección da saúde pública e dos consumidores e usuarios
-cando se lesione o respecto pola dignidade da persoa e a non discriminación por motivos de raza, sexo, opinión nacional ou discapacidade
-a protección da xuventude e da infancia
Deste xeito quedaría claro que, como expresou a voceira socialista Lourdes Muñoz, «a censura non entra nesta lei».

