A empresa de xestión de loterías e apostas por Internet, Ventura24, vén de presentar a terceira edición dun estudo de tendencias sociais na adquisición de lotería e hábitos dos compradores denominado Lotería de Nadal 2007.
Este informe amosa o constante avance de Internet como canle de compra de lotería de Nadal e compara os perfiles e os hábitos de aqueles que mercan lotería a través da Rede e os que o fan seguindo o método tradicional, é dicir: encargándolle números aos curmáns que viven fóra da comunidade, indo á Coruña a mercala na Favorita “que sempre toca” ou enganchando un número “feo” a última hora no bar da esquina “non vaia ser o demo”.
Segundo as conclusións acadadas polos investigadores encargados do proxecto, “o número de xogadores de lotería de Nadal por Internet segue medrando”, de xeito que xa son sete de cada dez os compradores que adquiriron os seus números por esta canle por primeira vez este ano.
Se o retrato do comprador habitual de lotería correspóndese cun varón de máis de 55 anos que gasta 58 euros ó ano, o “internauta loteiro” adoita a ser un varón de entre 25 e 34 anos que non gasta menos de 70 euros. Agora ben, ambos perfiles de compradores coinciden en que prefiren xogar décimos no tanto de participacións e compran os seus números en decembro e incluso na mesma semana do sorteo.
No tocante ás mulleres (coñecidas como compradoras compulsivas nestas datas), o número delas que adquire lotería de Nadal é lixeiramente inferior ó dos homes en ámbalas dúas canles pero increméntase cada ano e gastan moito máis que eles nestas compras.
“A comodidade é o principal atractivo que ven os compradores na canle Internet”, así o recoñecen tres de cada dez internautas á hora de valorar as razóns que os levan a adquirir lotería de Nadal pola Rede; séguelle en importancia a variedade de números, a novidade do servizo e a posibilidade de seren informados dos resultados obtidos.
O perfil do comprador de lotería de Galicia.
A idade do comprador galego é moi semellante á da media nacional e tamén en Galicia hai máis compradores que compradoras.
Á hora de adquirir lotería, algúns galegos teñen preferencia por números de certas provincias (4 de cada 10 internautas) debido sobre todo a ligazóns sentimentais que os unen coa zona ou por proximidade á administración (no caso dos que mercan os boletos de xeito tradicional).
No referente ó gasto medio, non estamos entre as comunidades que menos gastan (referíndonos sobre todo ás adquisicións en liña), que son Navarra, A Rioxa e Cantabria pero tampouco entre as que máis desembolsan neste tipo de apostas, que son a Comunidade de Madrid (94,45 euros por persoa), Cataluña (76,24 euros por persoa) e Castela e León, que gasta de media uns 74,70 euros por internauta que adquire décimos a través da Rede.

