O Estado vén de concederlle un préstamo de 76.934.437 euros, a interese cero, á Consellaría de Innovación e Industria, que disporá desta cantidade orzamentaria para completar a extensión das infraestruturas de telecomunicacións en Galicia universalizando o servizo de banda larga e estendendo a cobertura da televisión dixital terrestre (TDT) en todo o país.
Trátase do maior crédito dos concedidos ás comunidades, que representa o 19 por cento do total outorgado, por riba incluso de Cataluña, que recibe 75,3 millóns de euros.
Esta contía de preto de 77 millóns de euros vaille permitir ao departamento que dirixe o nacionalista Fernando Blanco completar o espallamento da banda larga nas zonas nas que a infraestrutura non permite (polo de agora) ofertar servizos de alta velocidade axeitados e/ou nas que existen redes anticuadas que impiden ou dificultan a oferta dun acceso de calidade a Internet. Do mesmo xeito, unha parte do crédito destinarase a financiar a dotación das infraestruturas precisas para complementar a cobertura e difusión do sinal de TDT na totalidade do territorio galego.
Co fin de detectar con exactitude as zonas carenciais neste tipo de infraestruturas, a Consellaría de Innovación está a ultimar a elaboración do Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación, en base ao cal se desenvolverán as actuacións máis acaídas para completar a universalización da banda larga.
Respecto das condicións do préstamo concedido, ten un tipo de interese do 0%, a súa devolución realizarase nun prazo máximo de 15 anos e non ten que empezar a devolverse ata dentro de 3.
Innovación recibe 77 millóns de euros do Estado a interese cero
Compartir Este Artigo

