
Entres estas tecnoloxías que non cumpriron coas expectativas destaca Second Life, pois era unha anunciada revolución que non acabou de chegar, e que se limitou a ser un bluff que só serviu para dar publicidade a distintas empresas que empregaron a plataforma para aparecer na prensa (aínda que outros mundos virtuais si parecen estar a colectar grandes éxitos).
Os ordenadores ultraportátiles tamén foron un produto que invadiu as tendas de informática pero que non convenceu ós consumidores principalmente polo seu prezo, o que podería cambiar en breve grazas a equipos coma o Asus Eee PC.
Algunhas tecnoloxías que estaban a ser moi anunciadas por certas empresas como as solucións de VoIP para o fogar, os sistemas de seguridade móbil ou o IPv6, pese a que están aí, non conseguiron destacar, como tamén acontece cos lectores de libros electrónicos, que parecen os eternos candidatos a introducirse no mercado.
A guerra de formatos de alta definición iniciada entre o Blu-ray e o HD DVD está a ter o efecto que todos agardábamos: ninguén se atreve a apostar por ningún dos discos ante a posibilidade de mercar o Betamax do futuro. Todo indica a que en 2008 tampouco coñeceremos cal será o cabalo gañador.
E mentres a telefonía móbil non para de evolucionar, as tecnoloxías sen fíos parece que atopan atrancos, e así as distintas iniciativas para montar redes Wi-Fi urbanas nos EE.UU. están caendo ante a ausencia dun modelo de negocio sostible que as fai inviables, mentres que o WiMAX continúa a ser un soño, e ter banda larga en calquera lugar mediante esta tecnoloxía tamén se podería facer de rogar.
O máis frustrante desta listaxe de decepcións é que a meirande parte das tecnoloxías que non calaron en 2007 poderían quedar como están en 2008, pois as demandas do mercado non sempre se corresponden á oferta tecnolóxica, e os usuarios resístense ó cambio constante que esixe a industria para a súa evolución e supervivencia.
eWEEK destaca as tecnoloxías emerxentes que non se consolidaron en 2007
Compartir Este Artigo

