Telefónica vén de presentar este martes 11 de decembro a oitava edición do informe A Sociedade da Información en España correspondente a 2007, coa presenza de Mª Teresa Fernández de la Vega, vicepresidenta primeira do Goberno, que presidiu o acto, e de César Alierta, presidente de Telefónica, que o presentou perante máis de 300 asistentes.
Un ano máis, o informe ofrece “unha radiografía” do desenvolvemento da Sociedade da Información en España, establece as melloras que se teñen producido con respecto ó exercicio anterior, anuncia novas tendencias e perfila as principais recomendacións levadas a cabo por expertos.
O ano 2007, que xa ten os días contados, supuxo a consolidación da banda larga como un dos motores principais de despregue da Sociedade da Coñecemento en España e é o ano no que se van a superar os oito millóns de conexións no estado, cifra case catro veces superior á de 2003, que alcanzaba os 2,2 millóns.
Isto significa que o grao de penetración da banda larga medrou de xeito sostido ó longo dos últimos anos a un ritmo medio superior ó 30 por cento anual, segundo Telefónica.
O Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA), promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que persegue levar o acceso de banda larga a tódalas zonas rurais do país contribuíu ó despregue de infraestruturas por todo o territorio nacional pechando o ano cun 96 por cento de cobertura sobre o total da poboación, segue o informe.
En Galicia, Telefónica está a achegar o acceso á banda larga a máis de 6.000 núcleos rurais mediante o emprego de ADSL, Wimax e satélite e, mentres que o porcentaxe de fogares conectados se sitúa no 30,7 por cento, o 94,5 das empresas de dez ou máis empregados teñen conexión á Rede.
O informe revela que aquí, os buscadores e o correo electrónico son as aplicacións máis empregadas, seguidas da banca electrónica, a descarga de música e vídeos e o acceso á información sobre webs da administración.
No referido á evolución da banda larga, España, segundo se afirma no estudo presentado por Telefónica, sitúase trece puntos por riba da media da Unión Europea (que acada o 62 por cento) asegurando a conexión con banda larga en tres de cada catro fogares con Internet.
Situación actual da Sociedade da Información en España
Segundo se indica na investigación, o grao de penetración da banda larga medrou de xeito continuado durante os últimos anos ata tal punto que se sitúa nun 75 por cento a proporción de fogares con conexión a Internet que optaron pola banda larga, unha cifra moi superior á media da UE dos 27, que se posiciona no 62 por cento.
Asemade, o mercado da telefonía móbil e da televisión por pago supera a marca histórica de abonados este ano, situando ós usuarios deste último servizo en máis de tres millóns e medio.
No que se refire ás empresas, “España mantense á cabeza no marco europeo, cun 94 por cento de penetración de acceso a Internet” e en relación á Administración (á cal tamén se fai referencia neste informe), o país segue a presentar un desenvolvemento alto no grao de dispoñibilidade dos 20 servizos da Administración Electrónica, acadando un 70 por cento fronte ó 58 por cento da UE-27.
O informe A Sociedade da Información en España 2007 está dispoñiible nesta ligazón.

