A produtora compostelá Bren Entertainment S.A. pertencente ó grupo empresarial Filmax Entertainment, vén de anunciar o desenvolvemento de dous proxectos de I+D+i para a mellora da produción e a automatización de procesos de animación.
Trátase de Miolo, unha ferramenta de control, xestión e optimización do fluxo de traballo e bren Toolkit, un bloque de ferramentas en 3D que trata de responder aos retos técnicos do mercado.
O devandito proxecto conta coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria a través do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+d+i, que achegará un total de 126.618 euros para financiar o 40 por cento do custo total do investimento.
Ambos proxectos forman parte dun plan de I+D+i que iniciou a produtora compostelá hai dous anos e que rematará durante 2008. Os responsables de innovación de Bren indican que o traballo que o departamento de I+D+i está a facer nestes momentos responde “á vocación investigadora da empresa dende a súa creación no ano 2000” e “á convicción de que a investigación engade valor no mercado”.
O obxectivo principal de Miolo é obter coñecemento sobre a forma en que funciona a produción para optimizar recursos e perfeccionar o fluxo de traballo, mentres que o brenToolkit é un conxunto de ferramentas de xeración de gráficos tridimensionais que xorde para mellorar o proceso produtivo e responder aos retos técnicos do mercado audiovisual.
Nova ferramenta para a animación facial
Dentro do proxecto inclúese tamén a ferramenta de Recoñecemento da fala e sincronización labial mediante a aplicación de técnicas de intelixencia artificial en colaboración co Grupo Integrado de Enxeñería da Universidade de A Coruña que coordina Richard Duro.
Grazas a este desenvolvemento, os operadores de animación non teñen que realizar todo o proceso de animación facial dende cero para sincronizar os movementos da boca coa voz da dobraxe, senón que soamente teñen que proporcionar o audio e automaticamente sincronizaranse os movementos labiais. Este sistema automático de animación ten en conta desde a entoación de cada frase ata as consideracións artísticas do proxecto, que poden requirir unha sincronización máis exacta ou tratarse de movementos pouco realistas.
Bren afronta novos retos técnicos cun pioneiro plan de I+D+i
Compartir Este Artigo

