Os laboratorios de Mozilla anunciaron un novo proxecto que permitirá almacenar na Rede datos da configuración do noso navegador de Internet como preferencias, marcapáxinas, historial e contrasinais para permitir a súa sincronización nos nosos equipos (ordenador de sobremesa, portátil e móbil, por exemplo) que podería conformar a base dun futuro Firefox Social.
Mozilla Weave está aínda nunha fase de desenvolvemento inicial, e precisa para funcionar a versión de proba do Firefox 3.0b2pre ou posterior (dispoñible para Windows, Mac OS X e Linux). Pretende servir para dispor dun sistema básico de navegadores remotos, facilitará o uso de servizos baseados en estándares abertos, dará un control total dos nosos datos (permitindo personalizar o xeito de compartilos) e construirá unha arquitectura extensible (coma Firefox).
Nun principio Weave sería unha solución axeitada coma copia de respaldo dos datos do novo navegador web, para facer doada a mobilidade do usuario e o uso de distintos equipos conservando as preferencias ou xestionar de forma colaborativa os nosos marcapáxinas.
Dende Mozilla xa publicaron o Weave 0.1, estimando que a primeiros de 2008 chegará o Weave 0.2, de xeito que pouco a pouco se avanzará ata unha solución completa que podería ser a chave no Firefox 3.
O Firefox farase social mediante Mozilla Weave
Compartir Este Artigo

