No marco da convocatoria 2007 para a realización de actuacións sobre centros de coñecemento e contidos incluída no Plan Avanza, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de conceder axudas por un importe de 135 millóns de euros destinadas ó desenvolvemento da Sociedade da Información.
No ámbito da devandita convocatoria inclúense as actuacións orientadas á creación, desenvolvemento e potenciación de centros nos que se leven a cabo actividades ou proxectos relacionados coa creación de contidos dixitais ou a dixitalización de contidos de interese (artísticos e culturais) do sector público.
O obxectivo desta convocatoria é incrementar a participación das empresas e da cidadanía en xeral nos distintos campos da Sociedade da Información, tales como o sector audiovisual e a arte dixital e persegue unha meta máis innovadora que de investigación ou de desenvolvemento de novos produtos.
Neste senso, os beneficiarios das axudas poden ser tanto as Administracións locais, como as Comunidades Autónomas e as entidades sen fin de lucro (Universidades de fundacións, entre outras).
Resultados da convocatoria
A pesares de ter sido a primeira convocatoria neste ámbito, tivo unha boa acollida por parte do sector e presentáronse un total de 445 proxectos, cun presuposto de 438 millóns de euros. Finalmente aprobáronse 37 proxectos e condedéronse subvencións por un importe de 10 millóns de euros así como préstamos por un montante de 125 millóns de euros.

