A aposta dos políticos polas redes sociais e a innovación pode ter froitos a curto prazo, pero tamén pode provocar problemas, como están a ver esta semana dende o Partido Popular, pois a polémica ó redor de Alberto Ruiz-Gallardón está a crear moito rebumbio en Facebook, onde os afiliados e simpatizantes do PP se enfrontan en discusións a favor e en contra do alcalde madrileño.
Así, xa existe un grupo en Facebook baixo o lema no sin Gallardón, e outro de Amigos de Gallardón, que non quedan sos neste enredo, senón que tamén estrearon unha web en protesta baixo o dominio MarianoRecapacita.com, que critica que como consecuencia da ausencia de Gallardón nas listas do PP ó Congreso podería rematar sendo alcaldesa de Madrid a concelleira Ana Botella (o que non parece agradar a moitos votantes madrileños).
Os foros do PP tampouco están ausentes desta regueifa, así como a web para os Voluntarios Populares, ou sexa, que a Internet está a servir para difundir un malestar entre bases e simpatizantes dun partido, o que podería non agradar ós seus dirixentes, replicando o acontecido co canon dixital e o PSOE. ¿Están chamando as redes sociais a un cambio na política estatal?
A polémica ó redor de Ruiz-Gallardón chega ás redes sociais
Compartir Este Artigo

