A campaña publicitaria do turismo de Galicia que a Consellaría de Innovación e Industria desenvolveu ó longo do pasado verán nas televisións de ámbito estatal vén de ser galardoada co premio MuchoViaje 2007 á mellor campaña de publicidade, concedido polas votacións de máis de 100.000 viaxeiros por Internet.
A devandita campaña, Galicia, destino atlántico, é a segunda que promove o turismo galego no ámbito estatal e nela faise unha aposta clara pola identificación de Galicia e o Camiño de Santiago cun único destino, no que ten especial relevancia todo o relacionado co Atlántico. Os anuncios que seduciron ó xurado do Premio, organizado pola empresa MuchoViaje, resaltan as emocións e os sentimentos que poden experimentar os viaxeiros cando visitan Galicia e, segundo afirmou o director xeral da mesma, José Manuel Fernández, esta iniciativa publicitaria contribuíu a “consolidar unha corrente de turismo que se está a incrementar de xeito sostido durante os últimos anos”.
A campaña do turismo de Galicia desenvolveuse no ámbito estatal entre o 1 e o 30 de xuño do pasado ano e foi vista polo 94,3 por cento dos cidadáns españois maiores de dezaseis anos. Esta contou coa música do grupo folk galego Luar na Lubre e a voz do actor lugués Luís Tosar.
Innovación recolle o premio Mucho Viaje 2007 á mellor campaña de publicidade
Compartir Este Artigo

