Os dirixentes do PP de Cambados e O Grove levaron ó xulgado ós responsables de dous blogues hai 1 ano, e agora dende a agrupación popular grovense a concelleira Diana Otero propón a constitución dun rexistro para os editores de blogs onde se recolla o seu DNI para que se lles poida facer responsables dos seus contidos.
Otero asegura que nos blogues grovenses atopa «insultos, calumnias e inxurias a políticos (..), funcionarios, policías locais, empresarios, periodistas, etc… e, tamén ás súas familias e achegados» o que estima que se trata de «actitudes covardes, infames e viles».
Estima así que dende a Rede estanse a vulnerar dereitos fundamentais atentándose contra o dereito á honra, o dereito á libre imaxe, a orientación sexual, a liberdade de sindicación, a imaxe da muller, as discapacidades ou a dignidade humana e a liberdade política, polo que suxire a posible necesidade dun desenvolvemento normativo ó respecto.
Pero estas reflexións non se están a recibir ben dende o blogomillo, onde se considera que a creación dun rexistro suporía un recorte da liberdade de expresión na Rede, mentres que hai quen pensa que as actitudes de blogs coma Crónicas de Cambados ou Cousas do Grove poderían ter un fundamento lexítimo e necesario, reflectindo un tipo de crítica que non se pode ver nos medios tradicionais.
O PP do Grove denuncia que certos blogues constitúen «plataformas de linchamento»
Compartir Este Artigo

