Esta pasada fin de semana, ademais do agardado galardón de Bardem nos Oscar, non houbo un informativo nacional que non falara da vaca Rubia, a encargada de outorgarlle un coche ó afortunado gañador do concurso Caca de la vaca, organizado polo equipo de segunda división B, Amoeiro C.F. para recadar fondos para a súa actividade.
As normas do xogo eran tan sinxelas como peculiares e consistían en dividir o campo de fútbol do equipo local en 6.000 parcelas virtuais e vender cada unha delas en forma de rifa ó prezo de 10 euros. O pasado domingo 24 de febreiro a vaca Rubia foi ceibada sobre o terreo de xogo para depositar os seus excrementos (máis coñecidos na nosa terra como as “bostas”) onde lle viñera en gaña (ou onde lle saíra do cu) e a parcela que tivera maior cantidade de bosta sería a correspondente á rifa do gañador dun Seat León, a estrela do sorteo despois da Rubia.
Trala execución da proeza, a medición levouse a cabo a través dun sistema de xeolocalización por GPS vía satélite que chamou a atención dos alí presentes e dos medios de comunicación pola súa precisión, que foi determinante para decidir as demais parcelas premiadas cun segundo, terceiro e cuarto premio, así como varios premios de consolación consistentes en camisetas do evento.
As parcelas premiadas foron as seguintes:
Primeiro premio: Coche Seat León; parcela 4279.
Segundo premio: Viaxe a Canarias para dúas persoas; parcela 4178.
Terceiro premio: Moto Kymco vitality; parcela 4278.
Cuarto premio: TV 32”; parcela 4179.
Non sabemos se este peculiar xeito de recadar cartos se vai converter nunha tradición no lugar, pero dende logo os xogadores do Amoeiro F.C. lembrarán a xornada como unha das de máis afluencia de seguidores e medios de comunicación ó seu campo.
Os poucos que non puideron gozar do evento, teñen (como non podía ser doutra maneira) a reprodución do mesmo no YouTube. Moita merda na procura.
A xeolocalización por GPS do concurso Caca de la vaca, entre o máis seguido pola Rede
Compartir Este Artigo

